Rianxo, 27 de setembro de 1975, primeira homenaxe a Castelao en Galicia durante o franquismo

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O busto de Castelao, nunha imaxe de arquivo recente.
O busto de Castelao, nunha imaxe de arquivo recente. Marcos Creo

O Consello da Cultura rescata documentación inédita que completa o relato da complexa organización daquel encontro histórico

20 ene 2025 . Actualizado a las 22:37 h.

O busto de bronce de Castelao obra do escultor Xosé Escudero Couceiro —doado pola colectividade galega de Uruguai— chegou a Vigo no buque Cabo San Roque para o seu traslado e a instalación final na praza central de Rianxo, vila natal do intelectual. Pero non todo foi tan sinxelo como pareceu aquela viaxe. A organización da homenaxe a Castelao no 25.º aniversario do seu pasamento resultou unha operación moi complexa. Aínda non morrera o ditador, era a primeira celebración pública da figura do egrexio galeguista, precisou non só da colaboración transatlántica, senón tamén de intensas negociacións con autoridades —ante a oposición do réxime— e unha paixón decidida e compartida por honrar a memoria de quen tanto fixera polo país e un dos maiores símbolos da identidade galega.

O proxecto naceu no Patronato da Cultura Galega de Montevideo, que encomendou a coordinación a Xosé María Monterroso Devesa, retornado xa a Galicia, e que atopou un aliado de luxo no doutor Agustín Sixto Seco, presidente do Padroato Rosalía de Castro. Crearon unha comisión organizadora fixada na Coruña —con sede na residencia do propio Monterroso— e que estreitou o contacto coas comunidades da emigración.

As reticencias precisaron tensas negociacións con alcaldes, gobernadores civís e mesmo ministros. Nese labor foi imprescindible o papel de Seco, como líder do equipo, que tivo que soportar críticas, descualificacións e ameazas, pero que foi quen de sumar apoios decisivos nos ámbitos culturais e sociais. Incluso parte da resistencia antifranquista interior entendeu mal a homenaxe promovida, o que deu en destacadas ausencias nos actos de Rianxo aquel 27 de setembro de 1975. A vila mariñeira acolleu un encontro cargado de simbolismo, non carente de audacia, no que se falou exclusivamente en galego e onde a única bandeira presente foi a galega, a que cubriu inicialmente o busto de Castelao. O himno galego interpretado pola coral compostelá Cantigas e Agarimos pechou unha cerimonia na que un dos cumes foi o discurso de Otero Pedrayo enxalzando a figura do autor de Sempre en Galiza.

O Consello da Cultura Galega amosa agora no traballo de investigación A primeira estatua a Castelao: unha historia da Transición os detalles da organización da celebración e rescata documentación inédita fundamental para comprender a importancia deste fito histórico.