
O traballo, ideado polos editores Cibrán Rico e Suso Vázquez, conta con ilustracións do debuxante e deseñador Álvaro Valiño
20 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Números, o primeiro libro para nenos de 0 a 6 anos que publica Fabulatorio, vén de ser premiado nos prestixiosos Bologna Raggazi Awards, que promove e outorga a Feira Internacional do Libro Infantil de Bolonia. O traballo, ideado por Cibrán Rico e Suso Vázquez —os editores e fundadores do selo asentado no Milladoiro, Ames—, con ilustracións do debuxante e deseñador Álvaro Valiño, resultou distinguido cunha mención especial na categoría Toddlers, que se ocupa dos libros dirixidos a nenos de 0 a 3 anos e na que gañou o álbum Le coq polyglotte (Hélium, Francia, 2024), con textos e ilustracións de Marie Darme-Rizzo.
As mencións especiais a La finestra indiscreta (MTM, 2023), unha adaptación para lectores temperás da historia de Cornell Woolrich que filmou Hitchcock realizada por Marina Sáez, e Gardinella y el gran viaje (Libre Albedrío, 2022), de Daniela Godel, completan a colleita da produción editorial española nesta feira de Bolonia 2025.
Rico e Vázquez, conscientes de que os Bologna Raggazi Awards «son os premios de libro infantil de maior reputación do mundo», amosábanse onte «moi felices e emocionados» por que este mimado volume Números tivese semellante acollida nun certame que recibe máis de tres mil títulos procedentes de oitenta países. Editado en nove idiomas, procura un achegamento lúdico ao mundo dos números mediante a estimulación dos sentidos do tacto e da vista, explican. Cun deseño exquisito e unha mirada innovadora, ofrece unha experiencia de lectura que fomenta a imaxinación, xa sexa contando os buratos do papel cos dedos, pasando as páxinas ou despregándoas para crear un espazo de xogo e sorpresa que invita ao gozo compartido en familia. «Números é un libro para dar a coñecer a creatividade e os mundos infinitos que agochan as cifras, para aprender —din— primeiro a contar as follas dun trevo e querer logo contar as estrelas e o imposible».