
Aprimeira chegada dos viquingos ás costas de Galicia está rexistrada no verán do ano 844. Así aparece no Annales Bertiniani, unha crónica franca cuxa temática xira arredor da historia da Francia do século IX, onde as incursións viquingas teñen un especial protagonismo.
Segundo se recolle nese documento, aqueles primeiros viquingos de orixe danés chegaron ás nosas costas debido a unha forte tormenta que os derivou accidentalmente ata aquí. Aquela expedición viquinga que estaba internándose polo río Garona en Francia acabou na costa norte de Galicia, onde aproveitaron a visita para saquear varios lugares. Finalmente foron rexeitados preto do Farum Brecantium, na Coruña, á que eles denominaban Fár. En séculos posteriores houbo moitas máis incursións non amigables en diferentes lugares de Galicia, unha terra que para eles xa era coñecida como Jakobsland ou Terra de Santiago. Pola súa hostilidade, a chegada dos normandos sempre era motivo de terror na nosa terra.
Todo iso xerou moitas historias e lendas das que quizais a máis coñecida de todas sexa a de san Gonzalo, quen, segundo se conta, obrou a milagre e rexeitou a chegada dunha flota viquinga ás costas da Mariña. Moita historia é a que hai detrás deste home da nobreza galega santificado pola devoción popular. A lenda di que, sendo bispo da sé episcopal de Mondoñedo, nun momento da historia topouse diante dun poderoso asedio normando.
Sabedor das poucas forzas militares e populares coas que podía contar para repeler o ataque, decidiu marchar en procesión ata un lugar en Foz chamado Alto da Grela. O bispo Gonzalo portaba unha cruz que a cada paso que daba se lle facía máis pesada, e nas pausas que facía para poder seguir aproveitaba para orar. Cada rezo daqueles afundía un barco normando. Así continuou ata que só quedou unha nave, que deixou fuxir para que fose testemuña do que podía acontecer naquel lugar se regresaban.
Fose como fose, os normandos asediaron as nosas costas durante séculos, e sempre fomos quen de rexeitalos porque, entre outras cousas, tamén fomos o primeiro reino de Europa, feito que hai que ter en conta. Quizais iso explique moitas cousas.