
A Formación do Espírito Nacional que se impartía no bacharelato franquista era a catequese dun fascismo cutre, que mesturaba, dun xeito ben orixinal, a ideoloxía filonazi dun funcionario de correos con «venid y vamos todos con flores a María». Un profesor desta materia que tiven, tipo atildado e algo ridículo, que viña ás veces a adoutrinarnos de camisa azul, trasladou en certa ocasión ao seu sufrido alumnado un pensamento que de cando en vez aínda me vén á cachola. No asunto da polémica orixe de Colón, cría o bo do home que, se, no canto do descubridor de América, don Cristóbal fose un asasino ou un ladrón famoso, cada nación que se pelexa por levar o mérito de ser berce do almirante había de intentar desfacerse de tal posibilidade coma dunha pataca quente. E é que son inescrutables as razóns polas que o imaxinario dos pobos acolle e sacraliza, despreza e condena ou modela á súa conveniencia as figuras que, pola razón que for, coroaron a testa cos loureiros da fama (e, lembremos, a fama non sempre é boa…).
A canonización e retrato colectivo que contemporaneamente fomos construíndo de Rosalía (a nosa santa laica, non Motomami) non deixa de ser sorprendente. A máis icónica imaxe da poeta (o pálido rostro entre dous territorios negros, o cabelo e o vestido; os beizos deseñando un enigmático sorriso e os ollos enxergando o infinito) converteuse en colorido leitmotiv ou comodín dos máis diversos enfoques: intelectual, nacionalista, independente, feminista, solidaria, vangardista, liberada… Rosalía vale o mesmo para un roto ca para un descosido. Nun enorme graffiti, preto de onde vivo, hai varias Rosalías: cociñeira, con uniforme galáctico, melena asimétrica, top e chándal…
Filla natural dun cura, de ascendencia fidalga, casada aos 21 anos cun señor de barba e mostacho, nai de sete fillos, falecida na flor da existencia e transida de saudade, non semella encaixar moito en ningunha das bitolas que o noso orgullo posmoderno, persuadido da ilimitada capacidade de manipular o que sexa, pretende atribuírlle. Imaxina vostede que pensaría a señora de Murguía dun/ha trans? Eu é que sempre lle fun un algo iconoclasta.