Néstor Romero: «O equipo estaba moi tocado cando cheguei na xornada 11»

Ignacio Javier Calvo Ríos
NASO CALVO SANTIAGO / LA VOZ

DEPORTES

BASILIO BELLO

«Salvamos moi ben a mala situación na liga e a Copa da Costa foi o premio ao traballo dun ano», sinala o técnico

21 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Néstor Romero Agra (Winterthur, 1978) é o adestrador do Xallas, campión da Copa da Costa. Esta tempada non ía adestrar, logo de tres anos no Mazaricos, en Segunda Rexional, onde estaba «moi cómodo para poder compaxinar o banco co traballo». En outubro recibiu unha chamada do presidente do Xallas para intentar a milagre de salvar o equipo, fundido no máis fondo da táboa de marcas. Néstor Romero cumpriu o obxectivo: salvou ao Xallas mes e medio antes de rematar o campionato e gañou a Copa da Costa.

?A Copa da Costa semella ser propiedade do Xallas.

?Do Xallas e de Doro, que leva gañadas sete. O Xallas ten moitos trofeos da Costa, é o que máis ten. Conta cun bo palmarés, pero como club hai que mellorar moitas cousas.

?¿Eran vostedes os favoritos?

?Non creo que fósemos os favoritos. A final estaba a un 50 por cento entre dous equipos da Preferente que se coñecían moi ben. Os enfrontamentos entre os dous na liga foron igualados, nos quedamos de novenos e eles acabaron no posto doce, con so tres puntos de diferenza. Certo é que o Sofán non xogara nunca unha final. Era a única avantaxe que tiñamos nós.

?Ao comezar a tempada o Xallas tiña outros obxectivos, ¿non?

?Non sei cal eran as metas do club, porque eu non estaba. Ao chegar eu a salvación era o único obxectivo. Era moi complicado, pois o Xallas ía de último a moita distancia e sabendo que se agardaban bastantes arrastres da Terceira División. Foi un traballo bestial e faltando mes e medio ou dos meses acadamos a permanencia.

?¿A Copa foi o mellor agasallo para o grupo?

?A Copa da Costa lle gusta a todos os clubs. Tamén ao Xallas, e máis logo de estar nunha situación bastante incómoda a principios de tempada. Salvamos a situación e a Copa da Costa foi o premio a un duro ano.

?¿Xa lle ofreceron a renovación?

?Estou estudando a posibilidade de seguir. Teño que valorar moitas cousas na miña vida persoal. Traballo noutra cousa e o fútbol non é unha prioridade. Estaba fóra destas categorías porque adestrar na Preferente quita moito tempo. Pero era un reto para min e por iso entrei no proxecto. Estou agora a valorar a renovación e axiña tomarei unha decisión.

?¿Que mudou no Xallas coa súa chegada ao banco?

?Non houbo reforzos. Só fixemos unha fichaxe dun xogador que estaba en Segunda Rexional, que nunca xogara na categoría. Tirouse para diante co que había. Traballamos moi forte e cambiamos as dinámicas. Pouco a pouco fomos sacando bos resultados. O equipo expoñíase demasiado ante os rivais e os erros se pagan moi caros nesta categoría. Minimizamos erros, pois no equipo temos calidade para atacar e facer goles. A clave estivo en equilibrar o equipo a nivel defensivo. Recibíamos demasiados goles. Ao longo da semana traballamos de xeito diferente. Houbo que subirlle a autoestima aos futbolistas e que eles creran de verdade nas súas posibilidades. O equipo estaba bastante tocado e a nivel mental foi importante sacalos adiante para comezar a remontar, logo de facer a nivel táctico as correccións precisas para concederlle menos aos rivais.

?¿Cal foi o peor momento?

?O peor de todo foi ao inicio. O equipo estaba moi no fondo e moi distanciado. Houbo que traballar moito. Os xogadores viñan de traballar doutro xeito e pouco a pouco foron asimilando a nova faena. Chegamos a estar de quintos e con moitísima ilusión, pero era moita a diferenza en puntos co cuarto. Cara ao final houbo que compaxinar a copa coa liga e a plantiña é moi curta. Xa sen obxectivos na liga, tiramos xa definitivamente pola copa.