Manuel Senra: «Cando cobrei fixen un cuarto de baño na casa, que non había»

DEPORTES

Abraldes

De familia moi humilde, asegura que pilotará «mentras non me tiren pedras»

15 oct 2022 . Actualizado a las 22:16 h.

Na vida de Manuel Senra Caamaño (Dumbría, 1962) case todo sucedeu na contorna dun coche. Ten a base na súa Olveira natal, unha humilde aldea con máis vacas que persoas. Alí montou un pequeno taller que hoxe vende máis dun coche diario. Gañou cinco veces consecutivas o Campionato Galego de Ralis e agora, cos 60 anos rebasados, compite no de montaña. Non quere escoitar, nin de lonxe, a opción de xubilarse.

—De onde lle viu a paixón polos coches?

—Con 12 anos ía á escola e xa andaba aquí na aldea nun taller. Gustábame moito a mecánica. Eran outros tempos. Con 15, xa traballaba nun aquí, na Picota, e tiña dous obreiros comigo. Andabamos ós remolques dos tractores, pintabamos e facíamos a soldadura. Fun aprendendo co meu irmán e outro mecánico que aínda anda hoxe comigo. Eu quería gañar cartos porque son dunha familia pobre. Meus pais eran xente moi humilde, uns labradores da aldea. Tiñan unha casa moi vella, unhas vacas e unhas galiñas. Vivían do campo. O meu avó axudoume sempre. Estaba nun nivel un pouquiño máis grande. Tiña un tractor, que foi o primeiro ou o segundo que viu para a parroquia. Con seis ou sete anos, eu xa andaba subido nel.  Un veciño meu, que ademáis é moi bo amigo, levoume para unha empresa de Miranda de Ebro. Tiña 16 anos. Xa gañaba daquela 50.000 pesetas ó mes de pinche. Logo pasei a mecánico e a chofer. Andaba recollendo xente pola autopista. Os primeiros cartos que gañei foron para poñer un cuarto de baño na miña casa, que non o había. Nunca estivera debaixo dunha ducha. Logo comprei un coche para meu pai. Hoxe son pequeno e gordo, daquela era pequeno e fraco.

—A necesidade fixo tamén que empezara moi novo.

—Si, e con 18 anos a empresa de Miranda mandoume traballar a Libia reparando coches. Gañei moitísimos cartos alí. No ano 1977 pagábanme 380.000 pesetas, que no día de hoxe poden equivaler a 20.000 euros ó mes tranquilamente. Era unha barbaridade. Agora veñen o taller rapaces do instituto e xa veñen preparados, cunha teoría. Na miña época tiñas que ir ti pouco a pouco, lendo e aprendendo dos que sabían máis. A mecánica entón non tiña nada que ver coa de hoxe. Hoxe é todo electrónico, daquela era mecánica pura e dura. En Libia eu era un artista, sacando os motores que eran da Volkswagen, que son os máis complicados que hai, e os reparaba. Cando volvín dalá, con 19 anos, fixen a casa na que vivo hoxe, casei e montei o meu primeiro taller. Xa fixen todo xunto. O taller era pequeniño, unha nave dun veciño meu na que cabían dous coches dentro. Tiña 180 metros cuadrados. Fun pouquiño a pouco, sen que ninguén me dera nada. O único que me regalaron foi un elevador e unhas ferramentas, que me comprou o meu avó. Custáranlle 180.000 pesetas. O resto fun eu. Eu e máis o banco, que aínda dependo del hoxe. Pero sempre lle fun pagando.

—Foi construindo un pequeño imperio.

—Non teño imperio ningún, pero vivimos desto. Teño unha nave de 5.000 metros cuadrados e somos 18 traballadores na empresa. Agora gañamos moito menos que hai quince anos. Pero aínda así non podemos queixarnos. Temos clientes moi importantes de toda Galicia e do resto de España. Vendemos uns 400 coches ó ano. Estamos nunha aldea na que hay vacas nada máis. Nunca se me pasou pola cabeza marchar de aquí. Se eu tivera esto no centro da Coruña, sería outra cousa e podería funcionar moito mellor, pero me chega ben co que facemos. Eu son feliz aquí e estou moi orgulloso de selo na miña aldeíña.

—Comprou na aldea o seu primer coche?

—Si, o primeiro foi o coche do cura, un Austin Victoria. Eu tiña 16 anos. Ós 17 merquei en Baio un Seat 1200 Sport. Non tiña aínda carné de conducir, pero coche xa tiña. O terceiro foi un R-12. Dese levo unha marca que tiven nun accidente bastante grande. Déronme 22 puntos. Había baches na carretera nun rasante e choquei cunha muller que viña pola esquerda. Foi o golpe que levei. Logo tiven un Peugeot 505, un Mercedes 2.300 16V… Gastei moitos cartos nos coches, sempre foi a miña paixón. Cando puiden, fun comprando. Eu nunca financiei un coche. Traballaba ata a 1 ou as 2 da mañá tódolos días. Sábados e domingos tamén.

—Cando comezou competir?

—Ós 20 anos comprei unha moto de trial, que era o que máis me gustaba. Aínda hoxe é así. Ando nela todos as fins de semana e a cambio cada ano. Encántame. Con 23 anos empecei a competir en karting. Corría moito e ía moi rápido, pero o carro rompía sempre. Con 25, no ano 1985, comprei un R5 GT Turbo. Foi o primeiro coche de ralis que tiven. Daquela eu estaba empezando e non tiña os cartos. Axudáronme os meus amigos, eles me pagaron a metade do coche. Custou un millón duascentas trinta mil pesetas. Así empecei a correr. Pensei que era moi listo e que non me sairía con el. Fun correr a unha subida a Carballo, que era a segunda que facía. Pensei que podía pasar en cuarta e din catro voltas de campana. Rompéronme as antenas. Dende aquel día souben que eu era igual que todos. Pensei que era Superman, e non. Tomei as miñas precaucións. O último accidente forte que tiven en carreira foi a principios dos 90. En Noia, cun 309. Quedouse bloqueada a dirección do coche, choquei, e rompín dúas costelas. 

—Tivo moitos coches entre mans. Cal lle deixou mellores recordos?

—O Peugeot 306 é unha marabilla, un coche que che permite desfrutar e facer desfrutar á xente. É un coche que chama a atención polo sonido. Non porque corras ti máis ou menos. Eu sempre quixen ser un piloto espectacular, e co Peugeot 309 conseguín selo. Foi o que máis satisfaccións me deu, e máis dores de cabeza tamén. Rompíase moitas veces e perdín campionatos tres anos por eso, cando tiñamos a guerra nos tramos con (Germán) Castrillón. Era unha competencia sana. Eu onde máis afición tiña daquela era na zona de Narón, que era a súa vila. El podía ser máis rápido, pero era moito máis fino. A min nunca importáronme demasiado os tempos, e sigo sen tomalos demasiado en serio. Eu quería pasalo ben e facer que a xente que viña a verme o pasara ben. Así fixen toda a vida. Deixeime querer. Aínda hoxe veñen rapaces pequenos a sacarse fotos comigo.

—Competiu en terra, en asfalto e en montaña. Onde o pasou mellor?

—Nos meus tempos onde máis desfrutaba era na terra. Corrín unhas probas do Campionato de Europa de ralicrós, e fun o único piloto español que gañou. Agora fago máis montaña —corre o campionato galego— e me obriga a ir máis fino porque todo se resolve en décimas. O outro día fun a Celanova, que había un montón de anos que non se facía a proba, e batín o meu propio récord en catro segundos e pico. Unha pasada. Vou tamén ó Rali de Noia, ó de Ribeira e ó da Coruña. Fago moitas carreiras o ano. Cada semana me chaman para que vaia a tres ou catro sitios. Estes días pedíronme ir a Portugal, a unha proba que hai en Barcelona, a outra en Santander… Pero a todos non podo ir. Se vou quero que veña comigo Faustino (Suárez), que fun toda a vida con el. Se non, desisto. Ademáis do meu copiloto é o meu amigo. Somos veciños e son moitas confidencias xuntos. El cansouse disto antes ca min. Eu, mentres non me tiren pedras, seguirei pilotando. 

En curto

Senra é lenda viva do motor galego. Para moitos afeccionados, Manolo é Tarolo.

—De onde lle ven o alcume?

—Nacín na casa do meu avó, que era o meu padriño. A el chamábanlle así. Meu pai era Alfonso, e a min tiñan que dicirme o de Alfonso tamén. Pero non foi así. Na miña contorna chámanme Manolo. Se vou un pouco máis lonxe, Senra. E se marcho máis alá, ou Senra ou Tarolo. É un alcume familiar, e paréceme ben.

—Cantos coches ten?

—Un Audi SQ5 dos novos e mais un BMW M3. Tiña un Ferrari dende hai catorce anos e vendino a semana pasada. Fora o meu maior capricho. Levaba cinco anos sen andar con el, só para pasar a ITV. No día a día collo calquera no taller, non ando nestes.

—Fóra do motor, que lle gusta ?

—Teño un apartamento pequeno en Portonovo e marcho cando podo a desconectar. Teño a praia a 300 metros pero non vou. Non me gusta nada.

—Que tal se leva coa cociña?

—Entendo máis de comidas que de coches. É o meu punto débil. Do que máis disfruto é da carne. Polo marisco non dou nada. O prato que máis me gusta é o galo de curral. Todos os xoves fágoo na casa, cunha tortilla e un pouco de xamón. Gústame cociñar.

—Gústalle o fútbol?

—Non, e mira que o meu xenro é futbolista. Con 44 anos aínda xoga e adéstrase, e o meu neto pequeno, que ten 8 anos, meteu 58 goles e chamárono agora para facer unhas probas no Deportivo. Fun velo xogar a un torneo en Santa Comba, pero a min o fútbol nunca me gustou nin me gusta. Nin xogalo nin velo na televisión.