A BALADA DO CANDÁN ROCHI | O |
18 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.DICÍA CASTELAO que a retranca é o humorismo dos incultos, así como o humorismo é a retranca dos cultos. Pódese estar de acordo, aínda que eu coñezo algúns cultos cunha boa dose de retranca. Para Pitigrilli, un verdadeiro humorista literario, a risa era a aritmética elemental; o humorismo era a álxebra e a ironía o cálculo infinitesimal. Ós que somos do mundo das letras, a definición xa non nos resulta tan doada de captar, pero ten o seu aquel. Para un literato máis serio, aínda que non exento de humor, coma Amado Nervo, o humorismo é o sorriso da literatura, considerando que acaso, o máis fino non fai rir, senón sorrir. En fin, para un dos grandes humoristas gráficos de principios de século pasado, Lluis Bagaría, o humorismo é unha flor nacida do pesimismo. Intelixencia Sexa como sexa, o humorismo, a denominada ciencia do humor, ten unha importancia e unha presencia fundamental no mundo da cultura en xeral e das artes en particular. Vaia! o mesmo có sexo ou o deporte. Pero cabe salientar que o humor é ademais un signo sustancial de intelixencia, sobre todo se facemos caso doutro insigne español de talento coma foi Edgar Neville, para quen o humor era considerado o idioma que utilizan as persoas intelixentes para se comunicar cos seus iguais. Certo semella que un dos «síntomas» de intelixencia normal é a capacidade para captar a ironía e as abstraccións, polo tanto están de abondo relacionados o humor e maila intelixencia, como observamos. Con todo, non me negarán que ata hai tontos con certa gracia. Veneracións Eu, dentro do mundo do humor, gardo unha especial veneración por Groucho Marx, un xenio, pero tamén por Chaplin, por Monty Python e polos arxentinos Les Luthiers. Por suposto, por outro xenio intelixente coma Woody Allen. Woody ten perlas tan boas coma a seguinte que cito: «Eu fun expulsado do colexio por copiar no exame de metafísica; mirei na alma do rapaz que sentaba ó meu lado». En fin, para Pitigrilli o verdadeiro humorista era o neno que asubiaba ó atravesar os cuartos escuros, para se esconder a si mesmo os seus propios medos. Deus dea humor a todos. E moito.