Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Podo gañar as eleccións, pero o cambio precisa de todos vós»

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

DEZA

Sabe que facer evolucionar a USC é algo que non só lle corresponde ao equipo de goberno, senón a unha masa crítica que crea e aposte pola institución académica

20 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

É hora de que a Universidade cambie. Iso é o que cre o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, que continúa a apostar por unha coalición de ideas que xere unha masa crítica potente para rematar coas inercias no seo da USC. E así llo tentou transmitir onte aos lectores de La Voz, respondendo todas as preguntas que quixeron facerlle.

-¿O equipo que propón na súa web e será o mesmo que tome posesión de gañar as eleccións?

-Díxeno na primeira volta e repítoo na segunda. O equipo, por eficacia, competencia e experiencia, é este e non haberá pactos para cambialo. A integración é unha necesidade para gobernar, non só para gañar. A institución require esa integración para quen sexa reitor: vaise garantir cun secretario xeral de toda a USC e que non estivera inmerso na campaña electoral, igual que o comisionado de Internacionalización.

-¿Como se concreta ese esforzo de integración que di que se está a facer na segunda volta?

-A institución require esa integración para quen sexa reitor. O goberno ordinario da institución require de moitos esforzos que non van saír só do goberno e dos vicerreitores, como é perfectamente coñecido. Aí estará a integración se teño a confianza para pilotar o futuro da USC nestes malos tempos que acaban de empezar.

-¿Que papel real ten o reitor para cambiar a situación estudantil?

- O reitor só non pode pero se acumulamos a masa crítica necesaria construiremos as novidades que necesita a Universidade, que sempre debe estar na vangarda do coñecemento e a investigación pero tamén da proposta social e política. Así o fixo ao final da ditadura de Franco con aqueles reitores combativos e demócratas antes da democracia como Mayor Zaragoza, e así haberá que facelo no tempo que empeza. Para iso convoco unha grande coalición de ideas e non de intereses na que ten que participar toda a comunidade universitaria. Non chega con gañar as eleccións. Iso podo logralo, pero o cambio que necesita a USC precisa de todos e todas vós.

-¿É certo que deixou de dar as súas clases na campaña?

-Non podía levar de campaña aos meus alumnos. A miña compañeira de despacho substituime solidariamente e o resto de compañeiros do departamento cooperaron tamén para que isto fose posible. Esa é a Universidade na que creo: a da cooperación.

-¿Que hai da campaña que lle fixeron sobre supostos pagos a alumnado?

-As maledicencias de taberna están sempre presentes nun determinado tipo de campaña que non é a miña, nin é o meu estilo. Respóndolle precisamente para chamar a atención sobre as formas underground de facer campaña que cómpre desterrar das sociedades plurais e libres e dende logo da academia tal como a concibimos.

-¿Que pensa facer co máster docente se gaña?

-O máster é unha necesidade e a súa execución xera problemas innecesarios aos licenciados, aos que se lles aplica retroactivamente. Non concordo en que sexa requisito para opositar. Farei o que explico no programa e dixen xa nun artigo neste xornal: negociareino coa CRUE, no Consello de Universidades e no Consello Universitario de Galicia, que en última instancia é quen ten a capacidade legal de decisión.

-¿Que opina do dereito a falar en español nas aulas?

-É constitucional e forma parte da lóxica dunha sociedade que emprega preferentemente dous idiomas.