Localizados os restos arqueolóxicos da antiga igrexa e a capela das Tegras

daniel gonzález alén LALÍN

DEZA

Daniel González Alén

A colaboración dos veciños de San Xoán de Anzo en Lalín permitiu atopar una lauda do século IX e outros elementos

11 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa axuda dos nosos colaboradores e dos veciños da parroquia de San Xoán de Anzo en terras de Lalín localizamos varios restos arqueolóxicos da antiga igrexa que estivo no agro do Sisto e da capela das Tegras, desaparecida hai máis de cen anos, cando se construíu a do Cruceiro, onde foron parar varios elementos da súa fábrica. Así, atopamos unha lauda sepulcral do século IX, tres sartegos medievais, un crismón e outras pezas da portada románica da antiga igrexa parroquial e unha fiestra visigótica e mais unha lauda cunha longa inscrición medieval, procedentes da desaparecida capela das Tegras.

Da igrexa románica de San Xoán de Anzo dan conta publicacións de diversos autores -Hipólito de Sala, Bango Torviso, Yzquierdo Perrin entre outros- e nós mesmo témola incluído en libros e artigos en diversos medios de comunicación. Xunto coa de Santa Tegra nesta mesma parroquia, figura doada en 1019 ao mosteiro de San Martiño de Lalín de Arriba pola súa fundadora Adosinda Gudesteiz, descendente dos Condes de Deza.

A igrexa parroquial que agora pode ollarse, fora trasladada e refeita hai un par de séculos aproveitando os materiais da antiga que estaba entre o lugar de O Sisto e o da Igrexa. Delo da conta Salgado Toimil en El Santuario del Corpiño (1929) referindo a existencia no Sisto dun mosteiro que foi derrubado e aproveitada a súa fábrica para a construción da actual igrexa de Anzo. Da antiga mantivéronse o arco triunfal coas correspondentes columnas e fermosos capiteis, unha porta e os muros laterais cos canzorros reformados algún deles e mesmo agochados outros pola sacristía que se lle apegou en tempos recentes, así coma a pía baustismal. A ábsida orixinal que coroa unha antefixa e conserva unha fiestra románica, foi modificada na reconstrución que se fixo cando se construíu a fachada actual, no estilo barroco que imperaba no século XVIII. Outras pezas da románica foron reutilizadas como puidemos descubrir ao acceder ao fallado pola tribuna da igrexa, onde atopamos un crismón e varias doelas que deberon formar parte da portada románica, así coma un par de canzorros e varias pedras labradas que foron reutilizadas na construción da nova fachada onde tamén se olla parte dun escudo de armas polo exterior, poida que dalgún enterramento fidalgo, das que polo de agora, non se dera conta da súa existencia.

Antigo templo románico

Da antiga igrexa románica que estaba no Agro de Sisto e que se construíu sobre unha anterior visigótica, localizamos unha lauda sepulcral, que estaba soterrada cubrindo unha canle para o desaugue dunha granxa de porcino da Casa Grande de Noguerol a onde fora parar anos antes cando os veciños a atoparan no devandito agro. Logo da nosa visita ao lugar, os donos da propiedade puxérona a bo recaudo. A lousa de pedra de granito, que mide uns 1,50 x 50 centímetros é unha peza excelente tanto pola súa antigüidade coma polo seu estado de conservación, que ben merecía ser exposta nun museo, ten signos de ter sido mutilada, e presenta un epitafio necrolóxico que comeza: «Finou a serva de Deus..» logo o que sería o nome da muller -quizais unha monxa do mosteiro que aquí existiu- e a data do falecemento que non están claros, e remata «ERA d CCCCXXV», que ven sendo o ano 887.

No lugar do Sisto, localizamos dous sartegos antropoides da época medieval procedentes tamén da antiga igrexa. O primeiro deles na casa do Panadeiro, onde leva anos facendo de bancada e antes de pia e lagar, logo de ser adaptada e mesmo rebaixado o oco correspondente a cabeza e un lateral. É un dos de maior tamaño de cantos levamos ollado na comarca xa que anda polos 2 metros de longo. O outro sepulcro, tamén de cantería e de menor tamaño ca o anterior, atopámolo oculto polo mato que os veciños nos axudaron a rozar. Está a pé do vello camiño que ía de Prado ao Corpiño e as terras de Carbia e Merza, facendo de pía para unha fonte cun bo manancial. O treito deste camiño que agora sinaliza unha das rutas dos Roteiros de Lalín, ben merecía unha reparación que o libere da auga que o estraga e o mato que xa o ten medio oculto entre a casa fidalga de Noguerol e un muíño próximo ameazado de ruína no que tamén ollamos o que semella outro sartego da mesma procedencia, adaptado para facer un dos tramos da canle. Estes sartegos ben poderían pertencer ao liñaxe dos Moure do pazo de Barrio, do que era Pedro de Moure que no seu testamento de 1641, pediu ser soterrado dentro da igrexa de Anzo «donde está sepultado mi padre Gómez de Moyre», segundo recolleu o investigador dezao Cesar Gómez Buxán

Coa axuda do nosos informantes e colaboradores tamén atopamos as pegadas da desaparecida capela da Santa Tegra, preto da estrada que vai de Prado a Bodaño, na paraxe que os veciños coñecen coma As Tegras, das que daremos conta na próxima reportaxe.

Desta rematamos agradecendo a desinteresada axuda que nos prestaron os veciños de Anzo, Pablo Baldonedo, Luís de Sampaio, Pepe Areán Mariño, Benigno Brea e o seu fillo Manuel, e os nosos amigos Pablo Sanmartín que estudou as laudas, e Álex Negreira e Ángel Utrera que fixeron as fotos e Paco López Cuiña e Manuel Regueiro, colaborando no traballo de campo.