A curta «Un conto cheo de lobos» triunfa en Ourense

David Cofán Mazás
david cofán A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

O CEIP Villar Paramá gañou o terceiro premio do Certame de Cinema Escolar OUFF Escola coa súa exitosa curtametraxe

28 oct 2022 . Actualizado a las 09:00 h.

O CEIP Villar Paramá de Vea (A Estrada) recolleu un novo premio pola curtametraxe Un conto cheo de lobos, co que participaron no Certame de Cinema Escolar OUFF Escola que organiza o Concello de Ourense e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nesta ocasión foron os terceiros da categoría de infantil e primaria, o que supón un destacado recoñecemento que se une ao premio obtido en xuño no concurso Nos tamén creamos, que organizaron a Oqo editorial, a CRTVG e Política Lingüística.

Lucía Muñoz, mestra encargada de coordinar a elaboración desta curta, explica que se trata dunha pequena peza audiovisual en formato «stop-motion» baseada nun libro de Oqo que escolleron entre moitas lecturas os alumnos de cuarto de Primaria o curso pasado. O bo uso do galego, a estética e a técnica foron claves para o éxito que está acadando este filme, que polo primeiro recoñecemento será proxectada no vindeiro festival de Cans e foi pasada durante unha semana na TVG2 durante o Xabarín Club.

Novo proxecto

O proceso foi complexo e dificultoso, xa que adaptaron o guión do conto para darlle un toque de orixinalidade e poder encadralo ben nunha curta que contou con 800 disparos de cámara. Porén, Lucía adiantou que están a traballar nunha nova gravación cos seus alumnos.

Nesta ocasión a idea é enviar a peza a un novo certame, un aínda máis prestixioso, o Festival Audiovisual Escolar Olloboi.