Os alumnos do IES Número 1 que ensinan o galego co tempo

David Cofán Mazás
David Cofán A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

O traballo de Brais Tato, Pedro Souto e Noemí Darriba é finalista do certame de divulgación lingüística do «Dígocho Eu»

10 may 2023 . Actualizado a las 10:51 h.

O famoso espazo da Televisión de Galicia, Dígocho Eu, no que a xornalista Esther Estévez resolve dúbidas no uso do galego, ten un digno competidor na Estrada. Os alumnos de terceiro da ESO do IES Número 1, Brais Tato Mejuto e Pedro Souto Riveira, coa axuda na gravación da súa compañeira Noemí Darriba Botana, aportan o seu gran de area á divulgación do idioma co seu particular Dicímoscho nós.

Un vídeo curto, de menos dun minuto, que foi elixido finalista do concurso do Dígocho Eu no que participan centros de ensino de primaria e secundaria de toda Galicia. Nel utilizan algunhas expresións relativas á meteoroloxía para ensinar cómo empregar correctamente a nosa lingua.

Baixo a supervisión e produción da Biblioteca e do Departamento de Lingua Galega, os rapaces sinalan que «o frío non se fai, xa ven feito». Por iso cando dicimos que fai calor estamos usando un castelanismo, tendo que dicir que vai calor. «Co tempo meteorolóxico utilizamos o verbo ir e non o verbo facer, copia do castelán», sinalan.

No vídeo —gravado na carballeira ao carón do instituto e que está dispoñible en Youtube—, Pedro e Brais recollen outras opcións para falar do tempo como «está frío ou está calor», que «é dialectal en galego, pero común en portugués», apuntan. E para concluir, un dito popular: «Deus dá frío conforme é o abrigo».

O gañador do certame da TVG coñecerase nunha gala o próximo 16 de maio, na véspera das Letras Galegas, na Cidade da Cultura. Román Cerqueiro, profesor de Lingua Galega e Portugués, tamén formou parte deste proxecto audiovisual. Destaca a naturalidade e a facilidade de Samuel e Brais neste tipo de traballos, aínda que recoñece que a súa ambición non ten que ver unicamente co premio: «a eles con tal de coñecer a Esther Estévez, chégalles», bromea.

Comenta que a idea da temática non foi deles, senón de Antón, outro alumno que comentara na clase que o seu avó empregaba a expresión de que «o frío non se fai, xa ven feito».

A por outro premio

De gañar, non sería o primeiro premio en materia de divulgación lingüística que acaden  Pedro e Brais. Os dous obtiveron o pasado mes de decembro o primeiro galardón á calidade técnica creativa do primeiro concurso de vídeos Perdidos e Achados, convocados pola Associaçom Galega da Lingua (Agal) e a Asociación de Docentes de Portugués (DPG).

Naquela ocasión elaboraron un vídeo no que explicaban o termo «forra», que se usa tanto en galego coma en portugués. O xurado destacara a súa orixinalidade e o traballo no plano audiovisual.