Rafael Cuiña: «Hai que mudar a xestion económica polo despilfarro»

La Voz

DEZA

Cedida

Considera bos os pactos de goberno para a democracia e defende a humanización das rúas e celebrar a maior Feira do Emprego de Galicia

21 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Rafael Cuíña Aparicio (Lalín, 1972) tentará regresar catro años despois á alcaldía liderando CxL. Na actualidade preside o grupo Aurela, dos máis grandes de Deza con máis de 400 traballadores. Aprendeu de Xosé Cuíña que, máis alá de defender unhas ideas, a actividade política ten que servir ante todo para mellorar a vida da xente.

—Como valora a situación política actual?

—Moi preocupante. A xestión de Crespo abre serias incertezas sobre a situación económica do Concello e sobre a posibilidade de facer proxectos de futuro que precisan os lalinenses. É un modelo máis propio dos anos 90 que desta década do século XXI. Vémolo en que Lalín queda por detrás en moitos parámetros con respecto a outras vilas semellantes, o cal me preocupa especialmente.

—Que destacaría do mandato e a do papel de Compromiso dende a oposición?

—Fomos absolutamente responsables, liderando acordos en beneficio da xente. Fixémolo nas medidas económicas pola pandemia, coas que nos sentamos co goberno, ou coa Axenda Urbana, para facilitar a chegada de fondos europeos. Puxemos o interese xeral de Lalín por diante do interese partidista, todo o contrario que o PP no anterior mandato.

—As listas baixaron de oito a catro. A quen beneficia?

—Non me gusta falar de política ficción, e menos vendo a tradición que hai en Lalín de enquisas que nunca acertan. Pero teño claro que se houbo listas que no seu momento se presentaron contra o PP, a lóxica di que os seus votantes, nesta ocasión, non serán do PP. Ábrese un novo escenario para o resto de forzas.

—Cal é o obxectivo de CxL para o 28M?

—É un clamor que todo o mundo nos dá como a alternativa. Temos claro que imos recibir incluso unha parte importante do chamado voto útil e, polo tanto, queremos liderar outro xeito de facer política en Lalín.

—Ve factible un pacto do resto de forzas se o PP perde a maioría absoluta?

—Xa o fixemos antes, cunha boa relación entre diferentes partidos. En Europa os gobernos de coalición son os que existen nunha alta porcentaxe. É bo para a democracia. Como demócrata o que me preocuparía sería estar nunha formación que non pode pactar con ninguén.

—Houbo moita renovación na súa lista?

—Máis do 50 %. Estou especialmente orgulloso da cantidade de xente que se sumou a CxL nos últimos anos, con moitos mozos e mozas, malia perder o goberno nas eleccións por menos de cen votos.

—Cales son as súas propostas principais?

—Sobre todo mudar a xestión económica do PP, que nos deixa unha situación alarmante con 11,5 millóns de débeda e gastos comprometidos de 5 millóns. Un despilfarro que non serviu para cubrir as necesidades da xente. En sanidade: hai que rematar canto antes as obras do CIS e lograr máis persoal e recursos, incluída a nova ambulancia.

—E a nivel de emprego e economía?

—O impulso á ampliación do polígono será crucial para crear emprego e que medre a economía. Necesitamos máis empresas para ter máis postos de traballo. O PP bloqueou conscientemente esa posibilidade. Faremos a maior Feira de Emprego de Galicia e destinaremos 200.000 euros ao ano para programas para dar oportunidades á xuventude. En comercio e hostalaría dirixiremos accións como os bonos para favorecer que se consuma en Lalín, con 100.000 euros anuais.

—Escolla o seu proxecto estrela.

—Emprenderemos o proceso de humanización de rúas para mellorar o benestar dos veciños e dinamizar a súa actividade. Falamos da rúa dos viños, a Luis González Taboada, a B ou a Antonia Ferrín. Marcarán o deseño urbano do novo Lalín. No rural darémoslle un pulo definitivo aos abastecementos, esenciais ante as previsións de seca para o futuro, e aos saneamentos, que o PP non foi quen de facer nos últimos 30 anos. Duplicaremos as axudas ás escolas deportivas e faremos infraestruturas como a pista de atletismo ou cinco pistas de pádel.