O novo proxecto das lalinenses Natalia González e Verónica Ledo de Educalecrín, o bosquescola A Merla Branca, bota a andar coa apertura da reserva de prazas para o curso 2023/2024.
A novidosa iniciativa educativa; que usará o método de Marshall Rosenberg, con atención real á diversidade e na que os cativos estarán en contacto diario coa natureza, nun entorno tranquilo e silencioso, con impartición de materia regrada pero nun espazo natural, está dirixida a alumnos desde os 3 ata os 6 anos de idade. A aula de A Merla Branca será o bosque, situado na parroquia lalinense de Goiás, pero contarase tamén cun espazo pechado para crus días de frío de inverno. Unha proposta de escola diferente na que Verónica e Natalia apostarán por impartirlle aos cativos materias para a vida; desde xestión emocional ata a identificación e fomento das habilidades individuais, pasando pola axuda mutua e a cooperación. Un bosquescola no que se traballará a prevención do acoso escolar, e se apostará pola igualdade, coidados e conservación medioambiental. Por outra parte a rapazada levará a cabo todo tipo de xogos libres na procura do fomento da súa autonomía, e poderán tomar parte en actividades de fotografía, arte biodegradable, música na natureza con elementos do bosque, supervivencia e exploración, rastros de fauna e ornitoloxía, botánica, produtos e remedios naturais, e cada día abordarase unha temática diferente.
Un bosquescola flexible tamén en horarios para que as familias poidan escoller aqueles que mellor lles conveñan, en xornadas de luns a venres.