Xunta e AED únense para coñecer o uso do galego no tecido empresarial

David Cofán Mazás
David cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

D. C.

Trátase dun proxecto pioneiro para comprobar a percepción que teñen da lingua no ámbito corporativo dezá e promovela como ferramenta útil para os seus negocios

16 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Deza será o escenario dunha novidosa iniciativa que busca coñecer a saúde do galego no tecido empresarial da comarca. Da man da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a Asociación de Empresarios de Deza (AED) elaborou un cuestionario que remitirá a todos os seus 356 asociados. Os resultados desta enquisa permitirán coñecer xa non só o uso da lingua no sector produtivo, senón cómo perciben a súa utilidade á hora de facer negocios. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación do proxecto acompañado polo presidente da patronal dezá, David Campos, e a secretaria técnica da AED, Chus García.

«Trátase dun exhaustivo estudo que busca obter unha radiografía da situación do galego no ámbito empresarial da nosa comarca e identificar as posibles oportunidades e melloras para seguir potenciando o uso do galego nestas actividades económicas», declarou Campos.

Por outro lado, sinalou que pola dimensión do colectivo, o número de empresas vinculadas á asociación e a diversidade dos sectores nos que operan «permitirá obter unha mostra bastante fiable e representativa para escalar a interpretación dos resultados a nivel galego». Neste sentido, recalcou que na AED «o galego é a nosa lingua vehicular e por iso estamos encantados de colaborar neste estudo».

A patronal comezará a vindeira semana o envío dos cuestionarios aos máis de trescentos asociados. «Pedímoslle que adiquen algo menos de quince minutos do seu tempo a respostar a enquisa», indicou Campos, quen explicou que consta de trinta preguntas centradas na comunicación interna, campañas de publicidade ou a relación cos clientes.

Valentín García asegurou que é un estudo pioneiro en Galicia. «Ata agora á hora de promover o galego no ámbito socioeconómico fixémolo sempre por medio de campañas que prometen fomentar o estímulo nas empresas e concienciar aos sectores produtivos que empregar o galego non é un problema nin unha barreira para chegar ao cliente», dixo.

Considera este estudo clave para saber en detalle cal é o comportamento lingüístico das compañías da comarca.

A importancia de que o idioma sexa protagonista no apartado socioeconómico

Na súa comparecencia, Valentín García fixo referencia algunha das conclusións que puxo de manifesto o estudo sobre o uso do galego publicado en outubro polo Instituto Galego de Estatística (IGE), facendo un paralelismo co valor de empregar a lingua no eido socioeconómico.

«As últimas enquisas do IGE indican que temos a sociedade mellor preparada para ler, escribir e entender o galego, pero o problema é que non se usa. Se están saíndo promocións preparadísimas para entender o galego, pero cando montan un negocio os responsables das empresas ou os operarios non o están usando, é que falta unha peza», sinalou.

Considera que esa peza «é o acceso ao ámbito produtivo» así coma ao mercado laboral. Espazos fundamentais para a normalización como ferramenta tan valiosa coma outras linguas como o español ou o inglés.

«Queremos que os empresarios vexan a lingua galega como unha oportunidade»

A iniciativa será, por tanto, a primeira realizada en territorio galego que vaia dirixida integramente ás empresas. «Se funciona ben pretendemos replicalo noutras comarcas con outras entidades do ámbito económico», expuxo o secretario xeral de Política Lingüística. «Entendemos que esta é a forma de estender a idea de que o galego tamén é útil para os negocios e que as empresas o vexan nun entorno de confianza», concretou.

Tamén animou ás compañías que forman parte da asociación dezá a respostar os cuestionarios, os cales contan «cunha estrutura sólida» ao estar baixo o paraugas da Xunta, dotando de «certeza e seguridade ao empresario». O obxectivo é ter os resultados antes de final de ano e presentar as conclusións dos mesmos xa no mes de xaneiro.

Por qué Deza?

«Queremos que os empresarios vexan o uso da lingua galega coma unha oportunidade. Non tanto como o habitual apelando ao bonito que é, senón dentro das súas organizacións, sabendo que pode aportar o galego e que non. A partir de aí xeraremos relatos e liñas discursivas que nos axuden a tocar os fíos internos de cada organización», explicou.

Porén, cal foi o motivo de escoller Deza como campo de probas para este proxecto. «É unha asociación de empresarios cos que xa temos colaborado. Sabemos a súa actitude cara o idioma, como o feito de ter un galardón que premia o uso do galego. Tamén nos interesa porque hai un abanico bastante amplo. É un lugar cunha proliferación de empresas de distinta natureza, dende produtores do sector primario ata compañías do eido tecnolóxico, a metalurxia ou autónomos», apuntou Valentín García.