Comeza a conta atrás para que Lovismo, o novo disco de A banda da Loba, ABDL, estea dispoñible nas principais plataformas dixitais. Mañá venres o público coñecerá por fin os once temas que integran o quinto traballo do grupo, un disco que ten como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresión.
O disco comeza co sinxelo xa presentado Lova, un tema que fala da transformación a través do amor, deixando atrás os prexuízos, as normas e as imposicións. Segue con Amigas, unha reflexión sobre a sororidade na amizade feminina inspirada no libro Canto eu e a montaña baila de Irene Solá.
A terceira creación é Un pelouro que roda, un exercicio de serendipia que une nada máis e nada menos que Rosalía de Castro con Bob Dylan. Un (inesperado) vínculo entre Follas Novas (1880) e Like a Rolling Stone (1965) que confirma o poder visionario de Rosalía.
Con A bachata da gata a banda atrévese co xénero dominicano para falar sobre o desexo con versos tomados do poemario Nós nus de Olga Novo. A quinta composición, Agora, inspírase na espera dun novo ser e o remexido de emocións que trae consigo.
O ecuador do disco, Estreliña riscada, é un arrolo, un agasallo intanxible para certa lobiña que acaba de chegar ao cubil e tamén, por extensión, para todos os pequechos que desde un colo protector escoitan a quen lles canta con todo o amor do mundo. A sétima canción, Salta, é, sen dúbida, a peza máis vitalista deste Lovismo: un convite a saltar, bailar e vivir a vida gozando cada minuto ata o solpor.
No tocante ao xa presentado Xogo de agardar, trátase dun tema inspirado no que se sente cando coñecemos a unha persoa. A novena canción, Cruel filosofía, é a musicalización do poema homónimo de Luísa Villalta e conta coa colaboración de Tomé Mouriño (De Ninghures).
Na décima composición, E o mar, ABDL volve á poesía de Villalta para falar da conexión emocional do pobo galego co mar. Lovismo pecha con Olliños, unha canción sobre as regras do xogo do amor que aprendemos por ensaio e erro.
A presentación pública de Lovismo será nun concerto na Sala Capitol de Santiago o vindeiro 1 de febreiro.