Ese fío de aceiro que dá vida

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

A ESTRADA

Xoán Crespo

23 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As novas tecnoloxías da comunicación modificaron as dimensións do mundo, mais constitúen unha magnífica oportunidade para avanzar, mesmo para resituarnos na realidade. O discurso da historia é así: a cada tempo sucede necesariamente un tempo novo. Non é mala casualidade que o 17 de maio, día grande das nosas letras, sexa tamén o día internacional das telecomunicacións, con referencia especial a significación de Internet, a rede de redes. Cristina Terceiro, xornalista formada en Galicia, nacida na Estrada hai 31 anos, difunde dende hai meses unha proposta de comunicación, a través dun pódcast, que se pode consultar en YouTube e outras plataformas, na que se fala (e debate) sobre a nosa cultura, a nosa lingua e as iniciativas galegas no mundo. O programa chámase Viaxantas, con duración entre 30 e 45 minutos.

Anteriormente Cristina, qua agora traballa no Parlamento Europeo, residiu durante catro anos en Bos Aires. Alí coñeceu a actividade dos nosos colectivos, asociacións culturais e organizacións societarias que manteñen viva a memoria de noso (e dos seus avós), incluída a magnífica obra que dende hai anos desenvolve o Instituto Apostol Santiago na capital porteña, con case 700 alumnos escolarizados cos programas galegos, ao tempo que integrados no sistema educativo arxentino, e que coñecen a nosa historia, a nosa literatura e en gran medida falan a nosa lingua. A experiencia arxentina marcou profundamente a mociña da Estrada.

Estes días interveño nos programas de radio que a colectividade mantén en Montevideo (Sempre en Galiza), ABC de Bos Aires (voz radial do partido de Corcubión), o programa Con vós, que conduce o xornalista Ramón Suárez tamén dende a capital arxentina... O de Montevideo emítese ininterrompidamente todos os domingos dende 1950. Nestes momentos diríxeo Toni de Seárez nos micrófonos de AM 770 Radio Oriental, con compañeiros e compañeiras do tamén histórico Patronato da Cultura Galega. Polas mesmas datas participamos nas actividades en liña do Centro Galego de Barcelona, o Centro Galego de Valencia, asociacións en Euskadi, Madrid, Valença do Minho, Lisboa, Río de Janeiro, Londres, Berna … Ás veces son sociedades nosas, outras veces departamentos universitarios. Falo de min, e doutros compañeiros referentes da cultura nosa que dunha maneira ou doutra tamén son solicitados dende esa Galicia exterior.

Galicia existe alén das fronteiras administrativas. Está viva onde viven e como tal a senten os galegos e as galegas, incluídos aqueles como a miña amiga Celia, que nunca falara galego en Vigo e foi dar co idioma no centro galego de Hannover. Agora axuda a manter a lingua nas crianzas na gardería. Hai un fío secreto, que é un fío de aceiro, agardando por todos nós, e que aparece onde menos sospeitamos. Saber activalo e mantelo vivo é a nosa responsabilidade.