O premio que todos queren ver morto

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Miguel souto

A Estrada entregou os San Martiño de normalización do galego coa esperanza de que algún día deixen de ser necesarios

12 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando hai que crear un premio para incentivar a normalización dun idioma non é boa sinal. Menos aínda se ese galardón cumpre trinta anos e segue sendo máis ca pertinente.

É o que acontece cos premios San Martiño á normalización lingüística, promovidos polo colectivo O Brado e o Concello da Estrada para engraxar o uso do galego e recoñecer o traballo dos que non desfalecen na tarefa.

O teatro Principal da Estrada acolleu este xoves pola noite a entrega dos galardóns, que desta volta foron para o docente e investigador José Manuel Bértolo Ballesteros, o colectivo poético Rompente e o programa radiofónico Sempre en Galicia de Montevideo.

José Manuel Bértolo (Soutelo de Montes, 1949), catedrático de Grego en Secundaria ata a súa xubilación no 2011, é autor de diversas monografías sobre cultura clásica e investigador de temas de xenealoxía e heráldica. Desde o 2006 estuda xunto a Luís Ferro a arquitectura señorial de Tabeirós e Terra de Montes, o que os levou a presentar neste 2021 o volume Torres, pazos e casas fidalgas do concello da Estrada. O mes pasado presentou ademais o seu traballo Fidalguía e heráldica da Terra de Montes. Bértolo acadou o premio San Martiño no ámbito comarcal.

Na categoría Galicia Enteira o galardón foi para o colectivo poético Rompente, formado por Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manolo Romón, que nos 80 iniciou a moitos mozos na lectura de poesía en galego levando a lírica á rúa cun espírito contestatario e politicamente incorrecto. O colectivo acaba de volver aos escenarios 40 anos despois co espectáculo vangardista Algo que levar á boca. O espectáculo inclúe a meirande parte dos textos do seu último libro, Que hostia din os rumorosos? e chegará á Estrada o vindeiro xoves 18 de novembro (20.30 horas).

O premio a Toda unha vida foi para Sempre en Galicia, o programa de radio máis lonxevo en lingua galega, creado en 1950 por un grupo de galegos asentados en Montevideo e que setenta anos despois segue a acurtar distancias entre Galicia e a diáspora.