A Estrada presume de canteira literaria en galego

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Miguel souto

07 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Teatro Principal da Estrada converteuse este martes en escaparate da canteira literaria local coa celebración da Festa das Palabras.

Un total de 62 rapaces premiados nos concursos de micropoemas e de microrrelatos organizados polo colectivo Dinamizastrada recolleron os seus premios nun acto de exaltación da lingua no que a escritora infantil Charo Golmar exerceu como madriña da nova xeración de autores. Os escritores non puideron ter mellor agasallo: un libro con portada de Rosa de Cabanas no que se publican todos os textos gañadores acompañados de 14 ilustración realizadas por alumnos do ciclo de Infantil e cun prólogo de Charo Gomar.

O acto estivo presentado por alumnos do IES Número 1. A súa finalidade, ao igual ca do propio concurso literario, é promover o emprego do galego como elemento vehicular entre o público máis novo e a comunidade educativa.

Na edición deste ano, os estudantes —participaron todos os centros de Primaria e Secundaria do Concello— crearon pezas literarias a partir de dúas palabras escollidas entre os títulos das obras do autor ao que se lle dedicaron as letras Galegas do 2023, Francisco Fernández del Riego. Camiño e espello desataron unha marea de creatividade.