Os premios San Martiño de normalización premiaron a Valenciaga, Celso Sanmartín e Cántigas e Frores nunha edición con recordo para Sito Moares
15 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Estrada convertiuse onte en capital indiscutible do galego. E non só por xuntar no mesmo acto aos dous estradenses que levan o temón na política lingüística da Xunta. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, xogaron onte na casa e presidiron a cerimonia de entrega dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística. Na Estrada, polo San Martiño, ademais de facer o magosto e celebrar a feira cabalar, xa é tradición tamén premiar ás persoas ou entidades cun papel activo na defensa da lingua. Os premios San Martiño levan xa 34 edicións e seguen a ser necesarios.
Desta volta os premiados foron o grupo empresarial estradense Valenciaga na categoría de promoción da lingua na comarca de Tabeirós-Montes, o escritor e contador de historias lalinense Celso Fernández Sanmartín no ámbito galego e a asociación cultural Cántigas e Frores de Lugo no apartado de Toda unha vida.
No grupo Valenciaga, consolidado no sector do cáterin, o éxito empresarial vai xunguido a un forte compromiso coa lingua galega, canle habitual na súa operativa comercial e publicidade.
No caso de Celso Sanmartín, o galego e a cultura é inherente á súa filosofía de vida. Escritor, dinamizador e narrador oral, leva décadas percorrendo Galicia coa cultura e a tradición por bandeira.
Por último, a agrupación tradicional Cántigas e Frores suma 75 anos preservando o galego e a cultura propia nas súas múltiples actividades.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude quixo ter un recordo e un agradecemento para Alfonso Vázquez Moares, Sito, que faleceu este ano e que, ademais de presidente do Recreo Cultural e estradense comprometido, foi un dos impulsores da creación dos premios San Martiño hai máis de trinta anos.
José López subliñou o compromiso da nosa sociedade coa lingua e cultura galegas. Máis alá da responsabilidade das administracións, o conselleiro salientou «o papel tan importante que teñen as persoas, a nivel individual e as entidades no sentido de normalizar e promover o uso da lingua». Agradeceu «o labor da cidadanía en xeral neste eido» e felicitou en particular aos galardoados polo «seu bo facer a prol do galego e de Galicia».
López lembrou o camiño iniciado tanto cos grupos parlamentarios como con distintas institucións para avanzar no Pacto pola Lingua co obxectivo de impulsar o galego en todos os ámbitos.