A Estrada editará a obra de Avelina Valladares e dedicaralle un musical

A ESTRADA

Roteiros, exposicións e teatro lembrarán á poeta no Ano Cultural 2025
10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Estrada fará xustiza coa escritora Avelina Valladares Núñez. Coincidindo co bicentenario do seu nacemento, o Concello retomará a programación do Ano Cultural para dedicarllo á «Cantora do Ulla».
A autora —irmá do tamén escritor Marcial Valladares— é unha das figuras máis inxustamente esquecidas da literatura galega. O seu irmán, considerado o pai da novela contemporánea galega, aparece nos temarios dos institutos e foi merecedor dun Día das Letras Galegas. Avelina, pola contra, é unha grande descoñecida máis alá da Estrada, onde lle dá nome a un premio literario de poesía e onde, desde este curso, tamén nomea un IES da bisbarra.
Para repoñer o agravio de douscentos anos, A Estrada dedicaralle o Ano Cultural 2025 a Avelina Valladares. A declaración oficial foi aprobada onte en pleno, coa unanimidade de todas as forzas políticas. O programa cultural concreto que acompañará á declaración tamén se avanzou este xoves nunha rolda de prensa ofrecida polo alcalde estradense, Gonzalo Louzao; a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, e unha representante dos descendentes da familia de Marcial e Avelina Valladares —os Valladares do Pazo de Vilancosta, na parroquia de Berres—, Mari Carmen Ferreirós.
Segundo anunciou Louzao, o programa incluirá oito actividades para reivindicar e promocionar a figura de Avelina Valladares, unha escritora que foi tamén «precursora na defensa dos dereitos da muller e das clases desfavorecidas» e á que nunca se lle deu «a importancia que debería».
A primeira actividade do Ano Cultural Avelina Valladares será a presentación da obra teatral Os seráns de Vilancosta, escita polo dramaturgo Santiago Cortegoso e editada por Galaxia. A peza, que repasa a vida da autora no Casal de Vilancosta, presentarase en marzo. En abril terá lugar a estrea dun musical co mesmo título e inspirado na peza dramatúrxica. A Escola Municipal de Artes Escénicas (Emae) e o grupo Tequexetéldere repetirán a fórmula colaborativa ensaiada con éxito en Voa, Contiños da terra e Un médico na aldea. Desta volta contarán coa colaboración do músico Pablo Bernárdez e firmarán un espectáculo musical «con ADN estradense» que poñerá a máis de cincuenta artistas sobre o escenario para reivindicar a figura de Avelina Valladares. Nese mesmo mes tamén se presentará unha unidade didáctica sobre a faceta literaria ou musical da autora que conta coa colaboración da xornalista Laura Filloy e que se fará chegar aos centros de ensino para empezar a difundir polas bases.
Publicidade en bolsas de tea
En maio, coincidindo co mes das Letras Galegas, o Concello editará bolsas de tea con frases da autora que se agasallarán ás persoas que merquen libros nesas datas.
Outra das propostas do Ano Cultural Avelina Valladares será un roteiro artellado por Pilar Bernárdez e o programa radiofónico O recuncho da lingua. O roteiro comezará no cemiterio de Berres, cunha ofrenda ante a tumba da autora, e continuará por Vilancosta cara a área recreativa do Areal, onde se ofrecerá un concerto coa música recompilada das partituras dos Valladares.
En setembro unha xornada dedicada a Avelina repasará a súa vida e as súas facetas literaria, musical e xornalística e cara final de ano a Casa das Letras inaugurará unha exposición sobre a autora que despois irá rotando polos centros de ensino locais para rematar no IES Avelina Valladares. Como despedida do Ano Cultural lanzarase un volume editado por Xosé Luna e publicado por Galaxia que reunirá toda a obra coñecida da Cantora do Ulla.
O cartel do Ano Cultural está deseñado sobre unha ilustración de Rosa de Cabanas, que na súa serie Mulleres imaxinadas púxolle rostro a Avelina Valladares e a outras mulles das que non existen retratos de ningún tipo.