Saúl Liñares: «Non me parece xusto elitizar a música: ten que haber axudas para ter cotas asequibles»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

FORCAREI

cedida

Cre que o enfrontamento político en Forcarei ameaza o futuro da formación musical

05 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Saúl Liñares Pereira (Logroño, 1988) é o director da Banda de Música Municipal de Forcarei e da Academia de Música de Terra de Montes, a súa canteira musical. De neno aprendeu a tocar o clarinete en Forcarei e despois completou a súa formación no Conservatorio da Estrada, o de Arzúa e o Conservatorio Superior de Música do Principado de Asturias. Hoxe, ademais de docente, é clarinetistas da Banda de Música Cultural da Estrada, da Banda de Música de Arzúa e da Banda Sinfónica del Ateneo Musical de Mieres (Asturias). Tamén se segue formando en dirección de bandas.

—Cando e por que decidiu poñerse á fronte da Academia de Música Terra de Montes e da banda do seu pobo?

—Cando se xubilou o anterior director a directiva que había xa estaba cansa e a banda corría risco de desaparecer. Un grupo de chavales que nos iniciamos na música aquí en Forcarei decidimos coller o relevo. Dábanos rabia que se perdera todo. Daquela eu estudaba aínda en Oviedo, pero ao rematar púxenme á fronte. Haberá uns catro anos. Eu nacín como músico en Forcarei e quero que todos teñan esa mesma oportunidade que eu tiven. En Forcarei tamén temos unha Banda de Gaitas, pero está ben que haxa outra alternativa para os que prefiren outro tipo de música. Aínda que agora sexamos poucos, porque nese momento de transición houbo músicos que marcharon a outras bandas e outros que deixaron a música.

—Volve estar en perigo a continuidade da academia?

—Tivemos que pechar a escola este mes porque temos pendente de cobrar unha subvención coa que contabamos. Sen ela non temos cartos para afrontar o pago das nóminas e a Seguridade Social. En maio imos recuperar as clases perdidas, pero a escola xa pechou.

—Que pasa coa subvención?

—Non me quero meter en política, pero PSOE e PP non se poñen de acordo en nada e iso estanos afectando. A nós e a todo o Concello. Todas as asociacións están sen cobrar. Nós no 2022 contabamos con 6.000 euros de subvención, que era o que viñamos tendo sempre. Na última semana do ano enterámonos de que ían ser 4.000, pero xa tiñamos os gastos planeados contando con 6.000. No 2023 a axuda ía ser de 4.000. Normalmente pagan a principios de xaneiro, pero aínda non cobramos. Así non podemos seguir adiante.

—Como se sosteñen a academia e a banda?

—Somos dous profesores. Apostamos por unha cota mensual baixiña para que sexa asequible. Os alumnos con dúas asignaturas pagan 30 euros e con unha 20. Tamén hai descontos de cinco euros cando veñen máis dun membro da mesma unidade familiar.

—E que vai pasar o curso que vén?

—De cara ao curso que vén trataremos de reunirnos co Concello. O último que nos dixeron é que nos pagarán entre xuño e xullo, pero non sei. De todas formas, se nos van seguir recortando a subvención... Se o que pretenden é que desaparezamos, estano facendo de marabilla...

—Sería viable seguir adiante sen axudas públicas?

—Se non temos axuda só hai dúas vías: ou aumentar as cotas ou pechar todo. Pero aumentar as cotas non queremos. Non todas as familias o poden costear e non me parece xusto elitizar a música. Agora mesmo non podemos plantexarnos volver a abrir en setembro.