Lalín da a coñecer o seu rural cun minicampamento xuvenil con actividades de aventura
LALÍN
Os mozos desfrutarán cinco días do contacto coa natureza
18 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, está a achegar o programa Coñece Galicia ao Concello de Lalín coa posta en marcha do campamento O Noso Rural II, que se desenvolverá ao longo desta semana, con actividades centradas na aventura e na inmersión no medio rural. Con motivo do arranque desta iniciativa xuvenil, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, e o alcalde de Lalín, José Crespo, asistiron no día de onte pola mañá ás primeiras actividades que están a celebrar os vinte participantes no Museo Casa do Patrón de Doade.
Dende a Xunta están a deseñar diversas actividades estivais deste tipo dedicadas a un público máis xuvenil. O seu obxectivo é «tratar de que recuperen a súa vida social tras as restricións máis duras da pandemia», apuntou Luís López, que definiu as diferentes iniciativas como «unha mistura de formación, lecer e conciliación de familias».
O minicampamento O Noso Rural II ten unha duración de cinco xornadas consecutivas nas que se inclúe manutención, aloxamento e programa de actividades, empregando como sede un aloxamento turístico da zona que, neste caso, é o Hotel Norat Torre do Deza. Ademais, a inscrición conta con descontos para os participantes que pertenzan a familias numerosas ou monoparentais ou que teñan activo o Carné Xove.
Esta quenda conta, como é habitual, coa participación de vinte nenos e nenas de 10 a 14 anos que gozarán de actividades como tiro con arco, sendeirismo, orientación, rastrexo, kaiak no río Arnego, escalada, rápel, tirolina e visitas a enclaves rurais e etnográficos como o Museo Casa do Patrón.
A Dirección Xeral de Xuventude, pertencente á Consellería de Política Social, organizou este ano unha campaña estival denominada O verán que mereces, que conta con case 8.000 prazas entre os campamentos e minicampamentos que se inclúen na iniciativa. Están destinados aos máis cativos e buscan favorecer a conciliación tras a pandemia. Tamén se inclúen na campaña campos de voluntariado, centrados nos mozos de maior idade, que pretenden favorecer a integración social e traballar certos valores como a solidariedade e o compañeirismo.
Dentro desa campaña de verán enmárcase o programa Coñece Galicia, que alcanza as 600 prazas en toda a comunidade galega e 180 na provincia de Pontevedra, distribuídas en nove quendas de campamentos e minicampamentos entre os meses de xullo e agosto nas localidades de Lalín, Sanxenxo, Bueu e Covelo.