Belén Taboada Barros ten 26 anos recen cumpridos e acaba de deixar un traballo de oficina para emprender e montar o seu primeiro negocio en Lalín nun céntrico local no número 15 da Praza da Igrexa co que sentiu un frechazo. Conta que «foi algo que tiven na cabeza sempre, a miña idea era organizar eventos» pero lle pareceu que ao empezar de cero tiña que facelo con algo máis. De aí naceu a idea de Pepa Piruleta. Pepa, en honor a unha da súas cadelas (ten tres e un cadelo). É unha labradora retratada no logo da tenda que xa circula polas redes sociais e Piruleta porque será, entre outras cousas, unha tenda de chuches.
Belén contaba abrir o 1 de febreiro pero a causa dun retraso na chegada dos mobles pero «debería ser na primeira semana de febreiro e para San Valentín fixo». De feito para a súa estrea fará unha campaña con doces especiais para a celebración desa data feitos pola Panadería Mazás de Piloño. Unha colaboración con Aida Soto Mazás que se prolongará no tempo coa venda de diferentes tipos de doces.
Recoñece que lle deu moitas voltas ao posible nome do establecemento «porque quería que fora algo meu» ata que deu co de Pepa Piruleta que lle pareceu tamén un nome divertido. Belén estudou un ciclo superior de Administración e Finanzas e varios cursos de organización de eventos e outros relacionados coa súa nova aventura empresarial. Conta que no traballo de oficina no que estaba «me trataban moi ben, pero non era o meu», pois lle tira «é a atención ao público», un eido no que xa ten experiencia despois de traballar en varias tendas. A súa irmá ten un bar e lle está axudando no proceso, explica.
O seu obxectivo é diferenciarse co seu negocio ofrecendo unha liña de decoración para todo tipo de eventos no que caben desde piñatas a encargos de temáticas diversas e que ten a idea de ir ampliando á demanda, piñatas que fan recheo no local, mesas doces, e, en xeral, un servizo máis completo. Unha oferta a que engade, por exemplo, chuches sen azucre. Está ilusionada con esta nova aventura empresarial. En canto ao local explica que «debía levar un mes baleiro cando pasei un día por alí, quedei co dono e xa me quedei con el. Souben no momento que tiña que ser aí», afirma.