A Festa da Virxe do Carme, a igrexa e a ponte de Pedroso

daniel gonzález alén RODEIRO

RODEIRO

Daniel González Alén

Terra de canteiros no Camiño de Inverno a Compostela por Rodeiro

16 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Na parroquia de Pedroso, do concello de Rodeiro, os veciños levan anos honrando na súa festa principal á Virxe do Carme, máis aínda có propio patrón San Xiao que só ten misa e xantar familiar cada 7 de xaneiro, como tamén acontece noutras parroquias dezás, logo de que o culto a esta representación da Nai de Deus se estendera de xeito notable da man da Orde dos Carmelitas a partir do século XVI, facendo que a imaxe e o culto da Virxe do Carme estean presentes en moitas delas.

En Pedroso tiveron festa na pasada fin de semana con misas solemnes a cargo do párroco e vicearcipreste de Deza, Alvito García Fente, e as correspondentes procesión ata o cruceiro, coas imaxes da Virxe do Carme e do Santo Antonio. Houbo sesións vermú e verbenas, ás que lle puxeron música os grupos La Clave e a Charanga Os Pendellos, deixando pendente para máis adiante unha grande torresmada veciñal no campo da festa, á que invitan os ramistas e na que non van faltar os chourizos nin a música.

Pedroso é unha parroquia pertencente ao municipio de Rodeiro, ao que une co de Lalín unha notable ponte medieval sobre o río Arnego, pola que decorre o Camiño de Inverno cara a Compostela. É unha grande construción dun ollo que flanquean dous muíños, que aínda conservan as moas, e á que unha nova ponte río abaixo liberou hai anos do paso de vehículos e maquinaria. A vella ponte foi arrasada polas enchentes, logo da súa construción inicial no século XV, sendo reedificada nos posteriores. As enchentes tamén levaron a ponte do Crego, da que aínda fican os piares río arriba. Hai outra ponte máis sinxela sobre o Arnego no lugar da Penela, onde tamén radica o castro local do Fabal.

A parroquia, que integran os lugares de A Eirexe, A Penela, A Ponte, Laxas e Pazos, andaba polos 150 habitantes ao comezo do presente século, pero agora non chega ao cento, os máis deles gandeiros e pensionistas, destacando décadas atrás no oficio de canteiros, actividade da que dan testemuño as moitas construcións que realizaron por toda a comarca de Deza e unhas grandes canteiras de granito na parroquia, que desgarran os seus erguidos montes nos que tamén se concibe actualmente a construción dun parque eólico nas Tenzas do Aire, no lindeiro coa parroquia de Guillar, coa que tamén comparte varios campos de mámoas.

Igrexa románica

Da igrexa téñense ocupado os máis destacados expertos da arte románica galega e nós mesmos en varias publicacións, polo que non imos poñer moito aquí, unicamente deixar constancia da inscrición fundacional, gravada no lintel da portada lateral e moi desgastada pola erosión, á que lle fixemos unha fotogrametría que permite ler ERA MCCXLVI que corresponde ao ano 1208, en que foi consagrado o templo dedicado entón a San Xiao e Santa María. No interior, destaca o arco triunfal románico, o mesmo que a pía bautismal e os trísceles gravados facendo de viacrucis nas paredes, ao igual ca múltiples e variadas marcas de canteiros.

No único retablo, o patrón San Xiao e a Virxe do Carme ocupan lugar destacado. Tamén poden ollarse varias imaxes de santos, coma as dos milagreiros Santo Antonio, San Brais e Santa Lucía, e da parede do presbiterio colga un Cristo crucificado de certa antigüidade. Destaca unha talla gótica de madeira policromada da Virxe, á que lle falta o Neno e os atributos, que ben merecía unha restauración axeitada; e na parede da nave, dentro dun camarín, gárdase unha Virxe do Rosario das de vestir.

Coa igrexa forma conxunto a casa reitoral, onde puidemos ollar un sepulcro medieval con lauda saído do templo e unha fonte pública, custeada polos veciños e o Concello, segundo refire unha inscrición de 1956. Preto da igrexa está o cruceiro procesional, sen imaxes, para o que se reempregou unha ara romana que sostén a mesa. Entre a igrexa e o cruceiro pode ollarse un curioso hórreo, cun singular remate que semella un Agnus Dei con cruz antefixa románica, construído a principios do século XX, a semellanza dos da Latiza en Rodeiro e do Sisto en Dozón..

Nesta parroquia naceu o aviador Gumersindo Areán (1898-1973), considerado heroe da Guerra do 36, ao que o concello de Rodeiro homenaxeou en 2006 cunha rúa na vila e unha placa na súa casa natal de Laxas, lugar no que, ao igual que noutros da parroquia, hai numerosas mostras da arte popular.