Diríxome a toda a comunidade educativa de Rodeiro, en primeiro lugar, para poñer un pouco de cordura por todo o que está a acontecer co colexio de Rodeiro e a súa financiación. Eu, como alcalde de Rodeiro, hai uns días comuniqueille a Consellería de Educación a decisión do Goberno que presido de non seguir financiando os gastos de mantenemento do colexio. Por se alguén ten dúbidas, explico os motivos. O colexio de Rodeiro é un edificio que pertence á Xunta de Galicia, a cal por falta de inversión foi deixando que o centro educativo fora entrando nun deterioro total. Por tanto, os gastos de mantemento xa non son catro pesos, son moi custosos porque se arrastra unha deixadez flagrante. O abandono, en primeiro lugar, é da Xunta, que é quen ten que velar para que calquera instalación educativa estea en perfecto estado. Pero tamén é corresponsable o PP de Rodeiro, que gobernou doce anos e permitiu que o colexio fose empeorando por non reclamar nada ao Goberno do señor Feijoo e posteriormente do señor Rueda. O resumo é que temos un colexio en penoso estado no que, para que vos fagades unha idea, o director reclama que se substitúan máis de cen lámpadas fluorescentes, valla rota, fallos no cuadro eléctrico, canalóns atascados, reposición da pintura despois de realizar obras na carpintería metálica do colexio, que lle corresponden a empresa que gañou a licitación, baños rotos e atascados, esto nada máis tomar posesión e pasar polo colexio.¿Canto tempo hai que non se repoñen para que haxa máis de cen lámpadas para repoñer? Porque fundirse máis de cen fluorescentes xuntas, nin que pasase unha tormenta nada máis chegar o goberno.
Onde estaba a concelleira Elena Gamallo para facer esas reclamacións dado que tamén era nai de tres fillos tía de outros dous cativos no 2023,, e onde estaba cando cambiaron unha caldeira de calefacción con máis de 20 anos, unha caldeira que todo fai indicar que pode ser chatarra, digo eu estaba caladiña.
Ante esta situación, extraordinaria e lamentable, o Goberno que presido decide deixar de asumir os gastos do centro para ver se así a Xunta deixa de mirar para outro lado e inviste no colexio ao igual que o fai noutros moitos concellos. Tomamos esa decisión, ademais, porque podemos facelo. Porque, aínda que o Concello viña asumindo eses gastos de mantemento e ata firmou un convenio nese sentido, a lexislación avanzou e actualmente hai xuriaprudencia que avala a nosa decisión. E, sobre todo e ante todo, a nosa decisión responde ao que nos indica o habilitado nacional que temos no Concello, o secretario municipal, que plasmou por escrito en distintos informes a súa oposición a que o Concello asuma gastos do colexio porque entende que quen debe pagalos é a Xunta. De feito, a propia Xunta debe entender que é así, aínda que de cara a galería diga o contrario, porque hai uns días sufragou o arranxo da calefacción, nun exercicio de responsabilidade que este alcalde lle agradece.
Tomada esta decisión e comunicada tanto á consellería como ao centro educativo, atopámonos con varias reaccións, entre elas a do director do colexio, o señor Ernesto Fernández, que lle enviou unha carta ás nais e pais do centro indicándolles que, efectivamente, o Concello deixa de asumir os gastos. Ata aí, ningún problema pero o señor Ernesto Fernández excédese bastante da súa función de mestre e director do centro e, malia non ter acreditación profesional de experto en dereito, cita leis e acordos para dar a entender que o Concello incorre nunha ilegalidade. Nós non imos desacreditalo nin moito menos, o que si faremos é preguntarlle á inspección educativa se esta carta entra dentro das súas competencias e en condición de que xulga as decisións do Concello e do seu secretario municipal. Tamén lle preguntaremos á inspección educativa se este é ou debe ser o proceder habitual dun director ou se, polo contrario, nesa carta do señor Ernesto hai máis de panfleto político que de información veraz e contrastada.
Estes días, a raíz da nosa decisión, que mantemos e defendemos, tamén o PP de Cati Somoza reaccionou, saíndo en tromba a dicir que deixamos tirados aos rapaces e ata aos mestres. Que non se trabuque o PP, isto non é un "y tú más". Nós non imos politizar un tema tan relevante como a educación. A eles xa os xulgaron os cidadáns, que os apartaron do Goberno e, seguramente, un dos motivos foi o deterioro ao que deixaron chegar ao colexio, no que ata amortizaron a praza do conserxe. Pero non se trata de volver unha e outra vez ao que fixeron. Iso, insisto, xa o xulgaron os cidadáns. Así que o que lle pido ao PP é que sexa responsable, que Cati Somoza e os demáis membros da oposición deixen de ser os enviados do señor Rueda e exerzan de veciños e concelleiros de Rodeiro. Teñen dous camiños: sumar ou restar. Eu anímoos ao primeiro, a que se sumen a nós para reclamarlle á Xunta o que lle corresponde ao noso colexio.
Que vai pasar agora? O Goberno de Rodeiro non vai deixar tirado a ninguén. Levamos anos pagando os gastos do colexio sen que nos corresponda, anos vendo o deterioro do centro, e reclamamos sentarnos coa Consellería de Educación para abordar esta situación. Diálogo, diálogo e diálogo, iso é o que reclamamos. E pedímolo de forma tan contundente porque así de claro nolo indican os informes do noso secretario municipal e así está reflexado na xurispridencia.
Este alcalde quere aclarar tamén unha cuestión. Entre as acusacións infundadas do PP destes días cara a miña persoa está unha que, directamente, é surrealista. Dan a entender que eu non quero que continúe a educación secundaria en Rodeiro. Lóxicamente, non é así. Todo o contrario, o que estou é moi preocupado porque rapaces da ESO que deberían estar estudando no seu pobo están marchando a outro concellos. Esta si que me parece unha cuestión que é competencia directa do director do centro, do señor Ernesto, e que é un tema que, sen dúbida, debería ocupar moito do seu tempo. Defenderemos a secundaria sempre como defendemos todos cantos servizos públicos temos. Agora ben, ameazas non. Se cremos que non debemos financiar os gastos do colexio,como así o cremos, non imos cambiar de opinión por medo a que a Xunta nos quite a ESO, como deixou caer o PP. Se nola pretenden quitar, defenderémola con toda a nosa forza.
Temos un conselleiro de Educación, Román Rodríguez, da comarca do Deza. Coñece ou debería coñecer a realidade do noso concello, o tamaño que ten e os recursos dos que dispón, sabe perfectamente que é inasumible e tremendamente inxusto que teñamos que apandar cos gastos de anos de abandono do colexio por parte da Xunta e do PP local.
Fago un chamamento á tranquilidade de todas as nais e pais do centro. Este Goberno aplica o sentidiño e, sobre todo, vai da man do que lle indica o maior técnico municipal e respaldado pola xurisprudencia. Non estamos reclamando nada que non nos corresponda. O Concello de Rodeiro non pretende ser máis que ningún otro para Educación. Pero tampouco menos. E vemos que noutros centros a Xunta inviste e aquí non. E iso ten que acabarse. Se Galicia Rueda, como di o PP, que rode algunha vez cara nós.