Na pena pode haber trazas de ledicia, e na ledicia hai tamén certa dose de pena. Hoxe é un deses días no que os sentimentos se mesturan.
Estamos cheos de ledicia pola xubilación do noso compañeiro Carlos, sabendo que a ten ben merecida e que merece gozar, coma ninguén, desta nova etapa da súa vida. Máis, nesa ledicia, asoma un chisco de tristeza porque xa non será el quen nos reciba cada mañá.
Non veremos ese sorriso pícaro nas conversas matutinas, que agocha sentires que non verbaliza.
Non haberá quen nos recorde que hai que andar áxil, «cun pé alí e outro aquí», que as contas hai que telas ao día, e que, por encima de todo, hai que manter a alegría. Por que el é un home alegre. Un deses compañeiros que fan que o traballo sexa
máis agradable, máis humano e máis levado. Unha desas persoas coas que paga a pena compartir momentos, porque con el ao lado a vida é mellor.
Carlos non só é un compañeiro de traballo, senón tamén un apoio constante, sempre disposto a axudar, a tender unha man ou a compartir un bo momento. O seu espírito colaborador non pasou desapercibido nin para os que traballamos con el nin para os veciños de Rodeiro, que tamén o botarán en falta no seu día a día. Porque non só cumpría co seu labor; facíao con cariño, dedicación e xenerosidade.
Agora inicia unha nova etapa na súa vida, unha etapa chea de tempo para el, para os seus seres queridos e para todo aquilo que a vida laboral deixaba nun segundo plano. Sabemos que nesta nova andaina seguirá sendo o mesmo Carlos de sempre, espallando humor e transmitindo cariño.
Tamén sabemos que sacará tempo para acompañarnos en todos os festexos e deleitarnos cunha última peza, porque o cante é o seu talento oculto.
Desexámosche todo o mellor nesta nova etapa. Botarte de menos será inevitable, pero tamén unha honra, porque só se estraña a quen deixa pegada. Grazas por tanto, Carlos!.