A música chega a Silleda da man de Garufa Blue Devils Big Band e Sito Sedes

a. otero / J. B. LALÍN/ LA VOZ

SILLEDA

Cedida

06 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro venres 9 de xullo, ás 22.30 horas, chega a Silleda a música en directo da man de Garufa Blue Devils Band. Unha orquestra que interpretará un repertorio que se inspira nos clásicos do swing, na música afrocubana dos anos 30 e 40, no cine e no cabaret.

A actuación, que se celebrará na Rúa Pintor Colmeiro, estará dirixida polo mestre Roberto Somoza. O concerto, patrocinado por Turismo de Galicia, contará coa presenza do mítico cantante de Los Satélites, Sito Sedes. O artista tomará o micrófono xunto coas cantantes habituais da banda: Bea García, Gabi Triana, Paula Pérez e Mery Lafuente. As vocalistas ofrecerán unha variedade de estilos que abranguen dende os clásicos do swing ata temas máis líricos.

Garufa Blue Devils Big Band está conformada por un total de dezaoito músicos (cinco saxos, catro trompetas, catro trombóns, batería e percusión, piano, guitarra e contrabaixo) e catro voces solistas. O grupo xorde en outubro de 2014 ao abrigo do Garufa Club de A Coruña, de xeito similar que as bandas das décadas dos anos 30 e 40. Ata o momento teñen publicados un total de cinco discos: Barrel House, That's Life, Running Wild, Hello Dolly e Siboney, en colaboración con Sito Sedes. Actualmente a banda está traballando no seu sexto disco, que pronto sairá á luz.