«O proxecto BenEstar consideramos que é a pausa que te mereces»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Miguel Souto

A Fundación Roberto Rivas premiou o proxecto cooperativo de Amarezas, dentro do programa BiCoGal, que comezará cunha análise dos montes do Deza para poder executalo

20 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Úneas a súa paixón polo medio natural, a sustentabilidade e a cultura galega. Nexos comúns suficientes para plantexarse seis anos atrás, en marzo do 2018, crear Amarelas Sociedade Cooperativa. Detrás deste proxecto cooperativo está Cristina González Salgado, nada en Xinzo de Limia, e Erea Viz Callejas; que naceu en Compostela e pasou a súa infancia e xuventude en Silleda, e non esconden que malia a algunha rocha no camiño seguen coa mesma ilusión do primeiro momento en que apostaron por darlle forma a Amarelas.

—Voltando a vista atrás, pensabades darlle forma a un proxecto como o voso?

Cristina. Cando comezamos tiñamos moita ilusión polo proxecto, afortunadamente seguimos manténdoa. Daquela xa nos coñecíamos de traballar xuntas e vimos que facíamos un bo equipo, e ademais compartíamos valores polo que a fórmula cooperativa podía funcionar. Recibimos formación e asesoramento en Espazocoop, e a partir de aí a idea de empregar o turismo como ferramenta para o desenvolvemento local nas comunidades fíxose realidade.

—Son seis anos de traxectoria, que aprendizaxe de vida podedes extraer do traballo feito?

C. Houbo momentos moi duros. Aos comezos tes medo e moito traballo por diante. Unha das situacións máis duras é a pouca estabilidade nos ingresos, e o medo a non ter clientes. Ademais ningunha das dúas socias temos formación empresarial polo que toca facer un esforzo maior para cubrir as demandas do proxecto, pero tamén levamos aprendizaxes positivas como ser capaces de cumprir cos obxectivos que nos propoñemos ou ser resilientes e ver cunha pandemia non é quen de tumbarte. Tamén desenvolvemos a capacidade de renovarnos, cando algo non está funcionando sacas o teu lado máis creativo.

—Recentemente a Fundación Roberto Rivas premiou o proxecto BenEstar de Amarelas, dentro do seu programa BiCoGal. En que consiste?

Erea. O proxecto BenEstar consideramos que é a pausa que te mereces. Un programa que ofrecerá durante catro días a oportunidade de interpretar o patrimonio natural a través de experiencias que promoven o benestar persoal baixando o ritmo frenético que levamos. Trátase dun novo concepto de turismo que combina a beleza paisaxística do Deza, actividades sensoriais e creativas que ademais promove unha diversificación dos usos do monte.

—Como xurdiu exactamente?

E. Despois da participación de Cris nunhas xornadas de turismo sostible en Forcarei, onde presentou unha proposta que foi seleccionada. Tiña o foco posto nas persoas que coidan de persoas, e vemos que todo o mundo ten niveis de estrés moi elevados, e os montes do Deza poden aportarnos esa calma que necesitamos. Recibimos unhas mentorías para presentar a idea no Demoday, na Moda Rural Lab da Fundación en Silleda, e o xurado premiou a innovación, sustentabilidade e impacto potencial do proxecto.

—Falta agora levalo a cabo, de que xeito?

E. Primeiro faremos unha análise dos montes potenciais do Deza para realizar este programa. Contactaremos coa rede de provedores locais e con posibles entidades colaboradoras e deseñaremos un plan de comercialización para chegar ao noso cliente final. A idea é executar o proxecto piloto na primavera do 2025.

—Que significa este premio?

E. Ser gañadoras é un recoñecemento enorme ao noso traballo e unha motivación para seguir imaxinando futuros posibles. Sabemos que as outras propostas eran moi interesantes, polo que ser seleccionadas fainos felices.

«Faremos unha interpretación da historia en Carboeiro con sesión de ioga»

O traballo de Amarelas non se circunscribe soamente a posta en marcha do proxecto BenEstar senón que continúan levando a cabo outras iniciativas, como é a súa participación na programación de verán do Concello de Teo; «que está apostando por un turismo sostible enfocado ás familias ofrecendo actividades gratuítas todas as fins de semana», constata Cristina.

O martes que ven estarán realizando o obradoiro Sementeira do Alén na Festa Pícara en Santiago, e o 2 de agosto colaborarán na gala infantil solidaria aprol de Asanog en Cuntis, e o 10 verémolas no Encontro Colleita de Estrelas en Levoso (Forcarei), cun roteiro. «Estamos traballando coa cooperativa Educalecrín no Campamento Verde de Lalín, no de verán da bosquescola A Merla Branca en Goiás, e coas nosas rutas principais da Senda do Deza e Apicultura no Candán». En axenda, para o 1 de setembro, está a experiencia Diálogos co Mosteiro, unha proposta de interpretación da historia e arquitectura de Carboeiro a través dunha sesión de ioga. A ideadora Paula Tomil xa realizou esa experiencia no Gaiás e no Centro Galego de Arte Contemporánea.

E mentres están moi centradas na campaña de verán, Erea Viz Callejas foi designada polo Concello de Silleda neste mes de xullo como Muller (in)Visible. Un recoñecemento que agradece ao chegar no mes do cooperativismo, «significa que o traballo que facemos en Amarelas e o meu compromiso persoal co proxecto adquiren unha maior presenza», explica. As cooperativas son unha ferramenta poderosa, engade Erea, que permiten xerar impactos positivos en Silleda e noutras comunidades «non só económicos, senón tamén sociais e ambientais, polo que sentir que o noso traballo é apreciado reafirma a elección deste modelo».