«As súas aptitudes para a doma fixo que conseguira todos os premios»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

Diego González, xinete gañador da Copa Ancce en Sevilla, con "Lisonjero de vida"

26 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sevilla acolleu unha edición máis do Salón Internacional do Cabalo no que o xinete de Silleda, Diego González López, colleitou o Campionato Copa Ancce, e os campionatos do mundo en movemento e funcionalidade na sección 8, e o absoluto de funcionalidade Sicab 2024 co cabalo Lisonjero de Vida, de Pura Raza Española.

González López, perfecto coñecedor do evento ao que leva acudindo máis dun ducia de anos; «serán uns dez indo cos cabalos que preparo persoalmente e outros catro ou cinco en que acudín cando estaba traballando en Madrid», amosábase enormemente satisfeito dos resultados conseguidos en Sevilla a lombos de Lisonjero de Vida, un exemplar de 4 anos, «con moitas aptitudes para a doma que fixo que conseguira todos os premios na súa categoría». Un palmarés que non é doado acadar, puntualiza o xinete silledense, «volver con todo o máximo nunha categoría non é fácil, pero é un cabalo que se move moi ben e que é moi ben feito».

A experiencia profesional de Diego González López xa lle facía intuír que Lisonjero de Vida tiña cualidades para ser campión Copa Ancce e campión do mundo absoluto de funcionalidade Sicab 2024; «levo traballando con el dende os dous anos e xa lle vía trazas dende pequeno de ser un futuro campión», afirma. Polas mans de Diego pasou con anterioridade Atlántico de Vida, pai de Lisonjero, outro magnífico exemplar de PRE que tamén colleitou soados éxitos en funcionalidade e movemento, pero non sendo tan completo como este último, como apuntou onte o xinete silledense.

A esta edición do Sicab 2024 o profesional de Silleda acudiu cun equipo de doce cabalos, case todos criados no municipio de Arzúa pero preparados na finca que posúe Diego González en Siador, e de onde saíron nos últimos anos outros moitos exemplares premiados como Oria de Vida, campioa xove do mundo no ano 2019, ou Ítalo de la Vega que tamén foi coroado co título de campión xove do mundo no 2017.