O divorcio entre pais e mestres

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

OSCAR CELA

23 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As recentes declaracións do Defensor do Profesor do sindicato ANPE Galicia, Julio Trashorras, son moi preocupantes. Entre outras cousas di que cada vez é maior o número de pais que culpan aos docentes e exculpan aos seus fillos, que acaban por se converter en tiranos. Evítase poñerlles calquera tipo de límites coa falsa crenza de que, no caso contrario, se lles causarían frustracións e mesmo traumas. Aínda que Galicia é das comunidades máis pacíficas, apórtanse datos graves: o 22 % dos profesores sofren faltas de respecto, un 20 % soportan falsas acusacións e un 7 % padecen agresións. Hai nesta entrevista unha frase textual na que un pai lle di ao mestre que, se non quere que haxa lío, lle devolva o fillo educado, pero nada menos que segundo os seus parámetros.

Dúas son as causas desta situación: primeira, terlles outorgado aos fillos presunción de veracidade, coma se fosen autoridades, mentres que os mestres, que si o son, non teñen ese recoñecemento. Por suposto que nalgúns casos estes están equivocados, pero normalmente é o alumno o que falta á verdade, para tentar encubrir o seu mal comportamento ou a vagancia. E sobre todo porque, se no fogar non está acostumado a obedecer e a se esforzar no estudo, non vai facelo na escola.

A segunda causa, que está en aberta contradición coa anterior, é a non apropiada delegación dos pais no centro educativo da responsabilidade de educar aos fillos. Os docentes teñen o deber de instruír, de transmitir coñecementos e por suposto de colaborar cos pais no labor formativo, pero cando conten co apoio e aquiescencia destes. Non nos enganemos, os proxenitores son insubstituíbles e non deben delegar os aspectos educativos primarios: sentimentos, actitudes e valores. Pero no suposto de que o fagan, como está a ocorrer en moitos casos, como é posible que se poñan en contra do mestre e non confíen nel?

Mal imos así, pois este divorcio está a prexudicar moito unha das relacións máis importantes, non só do sistema educativo senón tamén da completa formación da persoa. Por suposto que hai cousas que mellorar no centro docente, pero a maioría solucionaríanse soas se empezásemos por educar ben no fogar. Moito cariño e diálogo, pero con límites claros e con fomento de valores que non teñen tempo nin ideoloxía: esforzo, honestidade, responsabilidade, respecto. Cando os pais teñan estes deberes ben feitos, poderán esixir aos mestres que cumpran cos seus e que contribúan a reforzar esa sólida base, que vén da casa.