Robustiano Labraña: «Levei algunha sorpresa non moi agradable con Noriega»

ELECCIONES 2020

Labraña sumase á lista do BNG logo de ser edil por Anova en Cedeira
23 mar 2019 . Actualizado a las 10:22 h.Logo de case catro anos no goberno local como concelleiro do grupo de Anova, aínda que sen militar no partido, Robustiano Labraña, Tiano, quixo renovar o acordo co BNG e co PSOE que permitiu gobernar Cedeira nesta lexislatura. Non sendo posible, decidiu sumarse á lista do Bloque como número 3, con posibilidades de saír elixido. O seu compañeiro de Anova Camilo Casal tamén o fará, pero non nos postos de saída.
-Apostou por unha alianza co BNG e o PSOE. Por que?
-Hai como un ano propúxenlles tanto ao PSOE como ao Bloque que, xa que había unha dinámica moi positiva de entendemento e eficaz na xestión, na medida en que estes catro anos foron un tempo de aprendizaxe moi interesante, continuar o acordo para unha xestión aínda mellor. Non puido ser, e levar adiante de novo unha candidatura da marea pola miña conta non era posible, así que decidín, xa que o entendemento coas compañeiras do BNG era absoluto e elas mo propuxeron, aceptar un posto, e ademais de saída, xa que se non hai cambios irei no número 3 do BNG.
-Como ve a liorta de En Marea?
-Sempre vin En Marea como un proxecto ilusionante e integrador, pero producíame certa vertixe e receo coincidir nun mesmo proxecto e espazo con xente de Podemos, EU e Anova, porque ían aparecer as contradicións que ao final saíron. Levei algunha sorpresa non moi agradable con Martiño Noriega, que eu pensaba que podería ser a bandeira dese beirismo que eu idealizara, e creo que non se cumpriron as expectativas. E mesmo coa Marea Atlántica, que optou por enfrontarse a Villares, a quen teño unha estima persoal moi grande e considero que segue a ser unha persoa de fiar. Eu podería concordar con esa filosofía que transmite Villares. Agora non podo comprometerme, pero nas xerais igual lles boto unha man.
-Está decepcionado?
-Estou bastante frustrado porque estamos abonados a unha ruptura fratricida cada vez que podemos facer cousas. Decepcionado e preocupado, por certo.
-En que non concorda con Martiño Noriega?
-Desilusionoume a actitude, que non fose quen parecía que era. Eu pensaba que era un referente. Xa que Beiras, unha persoa moi clarividente, é xa octoxenario, el podería ter abandeirado desde Compostela Aberta un proxecto ilusionante para a xente que estabamos fóra do Bloque; preto, pero fóra, porque hai cousas do Bloque que sempre critiquei, e de feito nunca militei.
-Pensa que agora o entendemento de En Marea co Bloque xa non é posible?
-Creo que o proxecto de Villares é o único que pode confluír finalmente, non sei se a curto ou medio prazo, co Bloque.
-Vostede sería partidario?
-Eu sería partidario, si. Hai que buscar puntos de encontro, porque de desencontros xa abonda, e é moito máis o que nos une que o que nos separa. Pero as feridas están abertas dun lado e do outro. Con todo, o BNG superou xa esa hexemonía da UPG, ese certo ensimesmamento que tiña, e creo que a chegada de Ana Pontón dulcificou esas diferenzas.
-É cuestión de tempo?
-Si, pero non hai moito tempo, coa ameaza de radicalización dos partidos e da sociedade.