Ana Pontón: «As forzas estatais comparten unha cousa: o menosprezo a Galicia»

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2020

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón XOAN A. SOLER

A líder do Bloque sostén que a tónica do debate foi igual á da última lexislatura, na que a comunidade estivo sempre ausente

25 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tomou as rendas do BNG xusto cando a formación nacionalista perdía a representación que tivo durante dúas décadas en Madrid. Ana Pontón (Sarria, 1977) dirixiu boa parte do seu esforzo a facer unha renovación profunda da organización para gañar presenza social. O 28A verase se ese traballo ten recompensa e o Bloque regresa ao Congreso.

-Apostou o coche a que Galicia non ía estar no debate electoral e parece que non o vai perder.

-Tampouco ían levar ningunha xoia, ten dez anos e máis de 300.000 quilómetros.

-Que lle pareceron os debates?

-O primeiro, previsible, e o segundo, cun ton máis chulo. Como muller teño que dicir que resultou vergonzoso ver como os machos alfa da política non entenderon o 8M e, por riba, falaron dos problemas de financiamento de Valencia, do tren de Estremadura, da insularidade de Baleares e Canarias, País Vasco, Cataluña... e Galicia estivo en todo momento ausente, seguindo a tónica da lexislatura, co noso país ausente mentres sufrimos recortes, tarifazos na luz e vemos como a transferencia da AP-9 volveron deixala no caixón.

-No caixón por culpa de quen?

-Se algo está claro é que as forzas estatais, as vellas e as novas, as da esquerda e as da dereita, comparten unha cousa, que é o menosprezo a Galicia. E o día 28 temos a oportunidade de volver ter voz, o BNG pode ser decisivo sacándolle escanos a esa dereita cavernícola e antigalega que tanto preocupa a moita xente.

-Servirían os seus escanos para investir a Pedro Sánchez?

-Servirían para que non goberne a dereita, pero non imos dar cheques en branco a ninguén. Hai que poñer sobre a mesa as solucións para Galicia, que xa estamos fartas de ser sempre a última carta da baralla.

-De cando en vez dinlle que Galicia xa está moi ben representada cos 23 deputados que ten.

-Só a presenza do nacionalismo obriga ás forzas estatais a ter en consideración ao noso país, porque, mire, nesta lexislatura as forzas estatais deixaron intacta a lei mordaza, a Lomce e mesmo as contrarreformas laborais ou o artigo 135 da Constitución que pactaran con nocturnidade. Polo tanto, tamén aí somos a garantía de defensa dos dereitos sociais e das liberdades públicas.

-Nesta campaña pídelle o voto incluso aos non nacionalistas, iso non é abrir as portas de máis?

-Para nada, o BNG é un proxecto para todos os que levan a Galicia na cabeza e no corazón, non fai falla ser nacionalista para votarnos, abonda con crer na nosa capacidade e nas nosas forzas para poder influír e decidir.

-Canto dano lle pode facer ao BNG o voto útil?

-Pero voto útil para que? Porque o voto é útil cando se exerce de corazón, con convicción, e non porque nos metan o medo no corpo. O voto máis útil para Galicia é o BNG, para evitar tomaduras de pelo como a baixada dos Presupostos do Estado.

-Falando de orzamentos, quen se portou peor con Galicia, o Goberno de Rajoy ou o de Sánchez?

-Foron dúas gotas de auga no maltrato a Galicia, porque non transferiron a AP-9 e subiron as peaxes, e teñen como único compromiso o AVE, coma se iso fose suficiente. Tamén temos pendente o saneamento das rías e as autovías do interior, e para a xente moza que emigra precisamos alternativas diferentes a un ministerio da familia.

-Para vostede a fractura de En Marea non foi moi dolorosa, ou si?

-Non me gustan as leas doutras forzas políticas, non creo que sexa bo nun momento en que se está a demonizar a política. Logo atopámonos xente, como unha mariscadora de Cambados, que se queixou de que non falamos dos seus problemas, e ten razón. Os cidadáns están cansos de que os políticos se enreden nas leas.

-En Marea e BNG están condenados a atoparse algún día?

-Non sei moi ben en base a que me fai esa pregunta...

-Pois porque se moven case nas mesmas coordenadas políticas.

-Eu creo que a traxectoria de cada organización está aí e será xulgada polos galegos. Teño moi claro quen é o meu adversario político, é esa dereita antigalega e carca. Dito iso, desexo o mellor resultado para o BNG, porque temos a fortaleza para construír un proxecto de futuro.

-Con quen sentaría mellor a falar de política, con Arnaldo Otegi ou con Carmen Calvo?

-Non teño por que escoller, podería sentar cos dous, eu son unha persoa moi dialogante.

-Non teme os custos de ir ás europeas da man con Bildu e ERC?

-Eu vexo ao PP moi nervioso con iso, porque se esa é a única crítica que nos fan significa que imos moito mellor do que pensaba. Nós imos ás eleccións europeas, como fixemos nos últimos dez anos, con vascos e cataláns para non ser penalizados nunha circunscrición de ámbito estatal, e, dende logo, a nosa eurodeputada, Ana Miranda, traballou máis por Galicia que todos os demais eurodeputados xuntos.

-A Feijoo chamoulle macho alfa, «terminator», neomachista, membro da manada institucional...

-Teño que matizar que non dixen que fose membro dunha manada institucional, esa foi unha manipulación súa...

-Habería que revisalo no diario de sesións, pero esa non é a cuestión. O insulto dá votos?

-Eu non digo as cousas en función de se dan ou non votos, penso que son unha descrición do comportamento do presidente da Xunta, que moitas veces o que nos demostra é que non pensa no mellor para Galicia, senón no mellor para o PP. E se algo vimos durante a etapa de Rajoy no Goberno é que Feijoo foi cómplice de todos os agravios a Galicia.

-Sacaron un vídeo na campaña co lema «É o momento». O momento de que?

-O momento de Galicia, de unir o voto arredor dun BNG que lle pode dar de novo voz a este país.

-Pois é case o mesmo lema co que gañou Feijoo no 2009.

-Ao mellor no único no que se parece o BNG ao PP é en que o lema pode ser premonitorio dunha vitoria para derrotar a Feijoo.