María Lago: «Somos optimistas, non é unha utopía para nada que sexamos a lista máis votada en Muros»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

ELECCIONES 28M

MARCOS CREO

A número un do BNG ten claro por onde empezar a traballar se logra a alcaldía

25 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos escenarios máis incertos politicamente eleccións tras eleccións é Muros, e a candidata do BNG, María Lago, ten claro que o resultado do 28M vai ser moi axustado. Ela e o seu equipo traballan para ser a lista máis votada e, coa campaña a piques de finalizar, son optimistas.

—Cales son os eixos do programa do BNG nestas municipais?

—No eido das infraestruturas cremos que é indispensable rematar o saneamento, sobre todo en Abelleira, Tal e Torea, e levar a cabo un plan de mantemento que funcione como tal, organizado, que atenda as necesidades que se poden programar e que se estenda a todas as parroquias. Tamén é moi importante desenvolver un programa de transporte interparroquial que conecte todo o municipio, e crear unha bolsa de vivenda para o alugueiro que inclúa inmobles públicos como poden ser as antigas casas dos mestres de Esteiro e o arranxo do paseo marítimo de Muros. E en canto aos servizos sociais, reforzar o servizo de axuda no fogar e crear un programa de atención ao coidador.

—Que cre que é o máis urxente? Que será o primeiro que faga se sae elixida alcaldesa?

—O primeiro será organizar as brigadas e elaborar o plan de mantemento, que de entrada non require un gran gasto económico.

—Que impresións está recollendo dos veciños na campaña?

—Si que percibimos unha actitude positiva cara nós, hai moita gana de cambio e, aínda que está todo moi aberto, somos optimistas, non é unha utopía para nada que sexamos a lista máis votada. Pero hai algo que nos dá pena, e é que estamos vendo en todas as parroquias que hai un sector importante da poboación que está desilusionada e que tende á abstención, sobre todo xente nova. É triste percibir esa desilusión, hai unha falta de confianza en que veña alguén que cambie as cousas. Nós intentamos mudar esa percepción, que saiban que hai alternativa, que hai outra forma de facer política.

—Que é o que ten cambiar?

—O Concello ten que ser moito máis participativo e aberto, que se escoite aos veciños e que sexamos nós os que vaiamos xunta eles recuperando as asembleas parroquiais, hai que facilitar a comunicación coa cidadanía.