A Víctor Manuel Vázquez Portomeñe sáelle a nostalxia polos poros cando compara as primeiras campañas electorais da autonomía coa actual
14 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Non perdeu nin un ápice do humor con que pasou pola vida política, pero aínda así a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe sáelle a nostalxia polos poros cando compara as primeiras campañas electorais da autonomía coa actual. «Eramos os apóstolos da democracia», rememora ao falar de como eran recibidos nos seus actos de partido e como se trataban entre si os rivais políticos. «Penso que había moita máis educación democrática entón», asegura o que foi conselleiro con Manuel Fraga, pero que se estreara no Parlamento galego nas filas da UCD.
Na segunda lexislatura xa integrou as filas de AP. «Pero non era militante. Foi Fraga quen me chamou un día cando xa levaba dous anos como parlamentario con AP e díxome que era unha incoherencia que non tivera o carné do partido». Fixo entón a ficha e avalouna o mesmo Manuel Fraga, pero Portomeñe apenas apunta distincións entre facer campaña co dirixente de Vilalba ou antes co partido creado por Adolfo Suárez. «Os candidatos dos diversos partidos tíñamos moito respecto uns polos outros, sempre había invitacións cruzadas para tomar un café en medio da campaña, pero agora parecen máis enfrontamentos ideolóxicos entre inimigos, con outro ton, no que incluso chegan a descualificarse por cuestións persoais e resaltar os defectos dos contrarios. Non me gusta», lamenta o exconselleiro, que reivindica un pouco máis de educación en xeral na vida política como exemplo para a sociedade que ten que elixir os seus representantes.