Néstor Rego: «Se Sánchez quere o noso apoio, vai ter que transferir a AP-9»
ESPAÑA
O cabeza de lista do BNG lamenta que se traslade a idea falsa de que Galicia vive da solidariedade de España
05 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Leva toda a súa vida vencellado ao nacionalismo. E agora ten a oportunidade de ser o deputado que devolva ao Bloque a representación no Congreso perdida no 2015. Así o apuntan as enquisas. Néstor Rego Candamil (O Vicedo, 1962) amósase convencido de lograr este obxectivo.
-Desta vai?
-Vai, claro que vai.
-Por que está tan convencido?
-Porque estamos vendo que cada vez hai máis xente que apoia ao BNG. Persoas que chegaron á conclusión de que non podemos seguir confiando nas forzas de ámbito estatal.
-Pois son as máis votadas.
-Pero logo, pasadas as eleccións, esquécense dos intereses de Galicia. Hai que lembrar que esas forzas levan moito tempo xa de campaña, cos aparatos das televisións, onde nós non aparecemos para nada. As mensaxes van sempre na mesma dirección.
-Como por exemplo?
-Pois estase a trasladar a idea falsa de que este país vive da solidariedade de España, e non é así, porque vive do seu traballo, do seu esforzo. E ten capacidade para desenvolverse por si mesmo, sempre que lle deixen, claro.
-Teme que prexudique ao Bloque na provincia da Coruña a fragmentación do voto de esquerda?
-Nós xogamos nun campo distinto, que é o do nacionalismo. Somos a única forza galega que se presenta a estas eleccións.
-Hai outras que tamén concorren a esta cita electoral...
-Pero non defenden as propostas que precisa este país. Ou mesmo chegan a votar directamente en contra, como sucedeu con PSOE e Podemos nos últimos Presupostos Xerais do Estado.
-Teme vostede a desmobilización?
-Nós estamos apelando á necesidade de que todas as persoas que sintan este país e lles preocupe o seu futuro acudan a votar. Estamos apelando ás persoas decepcionadas coas forzas estatais, para que ese malestar non se transforme nunha abstención.
-Se tivese que convencer a cinco indecisos nunha mesa aquí ao lado, que lles diría?
-Contaríalles o que aconteceu na Deputación Permanente do Congreso no mes de marzo, cando o Goberno levou a validar aqueles catro decretos. Os venres sociais.
-E que pasou?
-A maioría absoluta dependía dun deputado. E deuna un do PNV, que saíu con catro novas transferencias para o País Vasco, entre elas a da A-68, unha autoestrada. O curioso é que había catro representantes elixidas en Galicia: dúas do PP, unha do PSOE e outra de Podemos.
-E?
-Pois que ningunha delas levantou a voz para reclamar, por exemplo, a transferencia da AP-9. Eu aseguro que se alí chega a haber un deputado noso a autoestrada estaría transferida.
-Que é o primeiro que vai facer no Congreso se logra o escano?
-Levaría a proposta de que se recoñeza a Galicia como nación, e a súa capacidade para decidir. Pero ao lado desa, se saio elixido, o primeiro que faría sería poñer enriba da mesa solucións á grave crise industrial que vive este país.
-Que lle pedirían a Sánchez para votar a favor da súa investidura?
-Non sería un apoio gratis. E estaría vinculado a que atenda as nosas necesidades. Se Sánchez quere o noso apoio, vai ter que investir aquí por riba de dous mil millóns de euros, ou transferir a AP-9.
-Daríalle vostede a man a Iván Espinosa de los Monteros ou a outro representante de Vox?
-Ao fascismo non hai que darlle a man. Haino que combater, e haino que facer con decisión, con claridade e con firmeza.