¿Como é posible que esteamos así?

FERROL

29 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os bancos marisqueiros da ría de Ferrol están nun estado crítico e o máis grave do asunto é que esta situación dificilmente será reversible. ¿Como é posible que en pouco máis de dez anos pasamos de ser unhas das rías de maior produción marisqueira, a seren unha das máis deterioradas de Galicia?.

Na derradeira década do século pasado, o banco a flote das Pías e o banco a pe da Barca eran uns dos de maior producción de Galicia e hoxe están moi lonxe do que foron. Que teñamos a ría coa maior superficie de zona C do país é só un dos problemas que afectan á producción do marisco. Se a ría tiña tan elevada producción marisqueira, non era por casualidade; o ecosistema da ría de Ferrol presentaba uns parámetros oceanográficos e biolóxicos moi favorables para a produción de marisco que pouco a pouco foron deteriorándose ao longo destes anos. Parece imposible que aquela riqueza se fora ao garete.

Sen dúbida, chegamos a situación actual como consecuencia dun efecto sinérxico, e dicir, a suma de moitas e continuadas actuacións no contorno da ría que foron pouco meditadas, completamente descoordinadas e pouco ou nada percibidas polos colectivos de traballadores que viven directa ou indirectamente do marisco.

Por iso, cando se fala de que imos rexenerar a ría, eu me pregunto: ¿Vai comezar de contado a funcionar a EDAR para que a ría se libere de tanta materia orgánica que inunda os seus fondos?; ¿Van ter axiña unha depuración integral as industrias, portos e arsenais, porque as súas verteduras non van ir á EDAR?; ¿Cando se van abrir pasos de auga aos cerramentos de A Malata, Caranza, As Pías e O Couto para que volvan ter a circulación da auga que tiñan antano?; ¿Canto falta para retirar os cascotes da ponte das Pías que colmatan os seus fondos?; ¿Temos unha data fixada para o recheo dos furados que fixeron os remolcadores do Discoverer Enterprise?; ¿Para cando está previsto retirar o espigón do porto exterior, para que a ría volva ter a alta renovación da auga que tiña antes?. Que alguén me dea as respostas, se é que as sabe, eu dende logo non as sei. So sei que parece inverosímil que sexamos tan estúpidos como para levar á ría a esta situación.