Gerardo Alonso vivía en Esteiro, na rúa Fernando VI, a cen metros da miña casa, e nunca o vin rir. Dicíase que estaba resentido contra a cidade, que non lle recoñecía o mérito artístico do seu traballo de escultor e creador dunha obra orixinal, realizada en chapa de cobre. Cando moitos anos despois o tratei, puiden comprobar que era home de trato difícil, pero coido que non erro se digo que a causa do seu carácter acedo non estaba tanto na vaidade ferida como na impotencia por sentirse creador dunha obra artística que merecía ser recoñecida e valorada internacionalmente e que a penas tivera proxección fóra de Ferrol.
Alonso ingresara nos anos vinte como aprendiz en Calderería de cobre na Constructora, e mentres aprendía o oficio descubriu a vocación artística que o levou a modelar o barro e a tallar a madeira. Entón pensou na posibilidade de facer aquelo mesmo en chapa de cobre, aplicando a técnica aprendida no taller, e fíxoo: cunha lámina de cobre dun milímetro de espesor, á que daba calor e golpeaba con martelos e mazos de formas diversas, que el mesmo deseñara e construíra, realizou, entre moitos outros, os retratos da nai, que está no Pazo Municipal; de Topacho, adquirido polo industrial Emilio Castro; e os de ferroláns coñecidos, como o axente comercial Jesús Millarengo, o industrial Manuel Beceiro, ou o futbolista Manolo Rivera, verdadeiramente espléndido, que -non sei a razón- non se lle pagou e quedou na súa propiedade.
Alonso non facía bocetos do modelo e ía sacando os volumes da chapa de cobre seguindo o dictado da súa intuición. Bello Piñeiro, que o viu traballar, non podía entendelo. O acabado das obras podía dar a apariencia do bronce fundido ou do cobre sen pulir, tonalidades que Alonso obtiña con procedementos químicos da súa invención. Todo en Gerardo Alonso era orixinal e propio. El foi o verdadeiro autodidacta.
Wenceslao Fernández Flórez visitouno no ano 1941 e, meses despois, acompañouno cando foi invitado a participar no Primer Mercado Nacional de Artesanía, celebrado en Madrid. Con el estiveron tamén o pintor Lloréns -que non deixaba de repetir que aqueles traballos eran incribeis-, os xenerais Pedrosa e Lobo Montero, e outros galegos relevantes na capital. Ademais dos numerosos comentarios en prensa, a exposición de Alonso mereceu reportaxes cinematográficas de NO-DO e da VFA alemana. Era a súa oportunidade para entrar no mundo da arte, pero xurdiu un problema que non soubo resolver: recibiu a suxerencia de facer un busto do Caudillo. Alonso fora militante anarquista, seguía a ser un demócrata e un home de esquerdas, aínda que tiña relación cordial con persoas de ideoloxía moi distinta á súa. Non fixo o busto, volveu a Ferrol, e a beca que lle concederan nunca a recibiu.
Chegaron tempos dificis: cando quixo volver a Bazán non foi readmitido e, grazas a José María González Llanos, entrou en Astano. Había que soster a economía do fogar, polo que durante dezaseis anos fixo incontabeis potes, porróns, quinqués e outras pequenas figuras que vendía por poucos cartos. Pero sobrepúxose e volveu á obra artística cunha exposición homenaxe da Sociedad Artística Ferrolana, no Pazo Municipal, no 1969.
Morreu no 1982, aos 75 anos, convencido de que a súa obra recibirá algún día o mérito que merece. Ignoro se será así, pero sei que Gerardo Alonso foi un artista diferente e único no mundo.
siro@siroartista.com