Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Os novos vanse e os vellos morren, había nove bares e agora queda un»

Ana F. Cuba MONFERO

FERROL

CEDIDA

María Ángeles Figueiras, dona do bar Caracas, no Val de Xestoso, que hoxe pecha a porta

31 mar 2019 . Actualizado a las 11:48 h.

Os clientes do bar Caracas do Val de Xestoso, en Monfero, andan algo tristes. Este domingo hai festa de despedida, con raxo e polbo. María Ángeles Figueiras naceu no lugar de Albite hai 67 anos e desde os 16, cando seu pai, Ángel, abriu o local, traballa no negocio familiar. «Daquela había moita xente, tiñamos un salón de baile aquí a 300 metros, había movida... Agora é unha peniña, os novos vanse e os vellos morren... Nesta parroquia había nove bares e agora vai quedar un», narra, con morriña, a propietaria do establecemento. Hoxe tócalle pechar a porta. «Levo toda a vida na taberna, e vaime custar, pero non podo seguir retrasando a xubilación e non atopei a ninguén que quixera seguir», conta. Súa nai, Divina, ten 92 anos, tamén vai vivir a clausura do Caracas. «Nas aldeas non é coma na cidade -subliña-, o bar é o punto de relación da xente, que vén e conta e comenta... Coñecémonos todos, é o lugar de reunión dos veciños, botan a partida...».

A mellor época no Val de Xestoso remóntase ás décadas dos 80 e dos 90: «Daquela había moita xuventude, hoxe vanse vivir a Ferrol, á Coruña ou ao estranxeiro, cada un busca a súa vida porque aquí non hai saída laboral. Antes vivíase da gandería e agora quedan dúas. Terreo hai, somos o segundo municipio de máis extensión da provincia, pero non queda xente para traballar». Por non haber, critica, «non hai nin plan xeral de urbanismo, e os fillos, que viven cerca, se queren facer aquí unha casiña non poden».

Cando, esta tarde, peche a porta o Caracas, no Val de Xestoso só vai seguir aberto o bar Casavella, no lugar de Xiao. «Fundouno meu avó na República, aló polo 31 ou o 32, eu crieime aquí», relata María Martínez, encargada do negocio, que complementan co de materiais de construción (Amador). Que desaparezan negocios «non é bo para ninguén». «É unha pena, non hai relevo xeracional, só quedan casas baleiras [...]. Moita xente non se vai de aquí porque queira, é porque non lle queda máis remedio, é inviable vivir aquí porque non hai servizos, e se tes fillos cando acaban a escola telos que levar ao instituto a 25 quilómetros [a Betanzos, As Pontes ou Guitiriz]», relata. A Xiao hai que ir adrede. «Estamos na estrada de Betanzos a Viveiro, que está morta, case sen tráfico, está ben para vir en bici ou en moto», apunta, convencida de que a súa parroquia, e o municipio enteiro, «ten moita potencialidade, se houbera unha administración que non hai». «Seguimos estancados de todo, detivémonos nos oitenta, morreu porque ninguén tirou. Estamos no parque das Fragas do Eume e todo son trabas e desidia, nin hai concentración parcelaria». ¿Como ve o futuro? «Non pinta nada ben, non se ven proxectos, nin ideas, nin nada, tiña que haber outra dinámica».