Pilar Díaz Otero: «Non acadar a maioría poría en risco proxectos en marcha»
FERROL
A alcaldesa preséntase aos comicios por EU-Son en Común, satisfeita co traballo realizado e subliñando o esforzo inversor do mandato
18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.A rexedora Pilar Díaz (Mugardos, 1967), que arrebatou a Alcaldía ao PP tras unha moción de censura que prosperou grazas a un pacto con BNG e ICM que despois se esnaquizaría, afronta o 26M co obxectivo de conservar o bastón de mando.
-¿Como cre que pasará á historia este mandato?
-As sensacións que teño son positivas. Na rúa, a frase que máis me repiten é que non son iguais unhas eleccións que outras, e que moita xente apoiará a miña candidatura nas municipais. O traballo foi positivo, sobre todo no ultimo ano e medio. Os veciños ven traballos iniciados, e proxectos con documentación sobre a mesa. A biblioteca municipal no Zárate, a reforma da praza, a senda peonil... No caso da rehabilitación do cine mesmo hai un protocolo asinado. En definitiva, os feitos constatan a boa xestión que fixemos. Por iso, penso que imos obter unha maioría. De feito, non acadar esa maioría poría en risco proxectos en marcha.
-Pero foron anos convulsos. A moción de censura, a ruptura do pacto que a fixo posible, o conflito cos empregados...
-Penso que foi unha etapa positiva para os veciños. O goberno en solitario de Esquerda Unida demostrou que, con traballo e con coñecemento da administración, pódese avanzar. Soubemos canalizar anhelos históricos da veciñanza. É verdade que foron tempos convulsos de portas adentro do Concello, pero ao veciño o que lle importa é ter o asfaltado, unha boa oferta cultural... e as cousas fixéronse ben.
-Dígame catro proxectos centrais do seu programa.
-Facer realidade a biblioteca e máis a praza pública; abrir o vial dende o peirao ás Casa Baratas e máis a senda peonil. Recuperar a casa de Bello Piñeiro, e crear un auditorio.
-¿Baralla pactos se non logra esa maioría?
-O meu único pacto é coa cidadanía. Seremos a forza máis votada, e iso facilitará o goberno.