Hispanofobia

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

15 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dolores Franco escribiu un libro sobre a idea de España na literatura española. Muller intelixente, descoñecida por case todos. Pero se digo muller do filósofo Julián Marías e nai do novelista Javier Marías, daquela nos centramos, mais concedendo un capítulo máis ao agochamento da muller tras o home.

Dolores Franco colleita no libro pensamentos sobre o amor e o odio a España. Na nosa historia foise desenvolvendo unha morbosa relación melancólica de mágoa e mesmo de odio sobre a sociedade española. Moitos escritores ( Barroco, Xeración do 98) describen unha cultura cainita, brután, intolerante, de xentes cheas de envexa e con tendencia á autodestrucción periódica. Hai certa lóxica en que os expulsados practiquen o odio ao expulsador, á madrastra España. Mais non son nin xudeus, nin liberais, nin republicáns os que máis expresan o seu odio á patria.

Dolores Franco atopa máis pensamento odiador na aristocracia que anoxa dun xeito despectivo ao pobo que traballa sometido para eles, ou en burguesías ás que o pobo sempre lles cheira mal, ou nas outras burguesías inventoras dos nacionalismos periféricos para quen os inmigrantes (españois) son coma ratas que roen os valores superiores da súas nacións (vasca e catalá).

Agora na crise sanitaria volven os odios autodestructivos do todo o que fai o goberno de España. Escoito dicir ao presidente catalán (diabólica malicia) non xa o de «España ens roba», senón «España ens mata». Eficaz fórmula de odio. Magnífica propaganda.