A cantante lusa actuará mañá domingo en Ferrol, onde fará un percorrido polos éxitos da súa vasta carreira
28 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Portugal é fado e Dulce Pontes no ano 1993 sorprendeu ao mundo ao internacionalizar o canto do seu país natal, desexoso de abrirse ao mundo. Non lle gusta definirse só como fadista, porque a súa música vai máis aló e mistura estilos e influencias varias para crear combinacións únicas. Tampouco lle gusta calificarse como a «renovadora do fado», como moitos a presentan. O que queda claro é que a artista mantén intacta a esencia dos seus devanceiros da canção, como a súa adorada Amália Rodrigues.
Unha dama da escena musical
Hai un deixe nostálxico e unha vontade de recollemento na música de Dulce Pontes. Ela non quere sentirse apartada do mundo, nin moito menos: é unha dama da escena musical, que xamais se endeusa nin olla cara outro lado cando lle fan suxerencias. Está afeita aos cambios logo de trinta anos de carreira.
-A que soan hoxe as rúas de Lisboa, berce do fado, tan perto de onde medrou?
-Soan a esperanza, a ilusión... Quizais agora máis necesitadas ca nunca.
-Pensamos en vostede sempre como fadista, por que di que o termo non a define?
-O fado é parte do meu ADN. Nacín no seo dunha familia fadista: meu tío, Carlos Pontes, foi un recoñecido fadista; meu irmán, Luis, é un gran Viola fado, meu pai (a quen adoraba e añoro) cantaba de maneira espectacular. Nunca me afastei do Fado. Como música e artista necesito experimentar e bucear notras culturas pero, no fondo, o Fado sempre foi isto: bebía do que os mariñeiros traían a terra doutras latitudes.
-Cando o mundo comezou a coñecela coa publicación de «Lágrimas» non se oían moitos cantantes portugueses fóra do país, viu unha evolución nos últimos anos neste senso?
-Os artistas portugueses sempre estiveron aí, pero creo que agora os tempos e a tecnoloxía fan máis accesible a información e facilitan a difusión. Portugal sempre tivo grandes artistas.
-Vostede que o vive dende dentro, cre que a escena musical galega e portuguesa están todo o perto que poderían? Ten en mente algunha próxima colaboración con artistas de Galicia?
-Creo que existe unha conexión natural entre Galicia e Portugal. Sempre sentín unha gran fascinación polo folclore popular, e o galego e o portugués son algo máis ca irmáns. Apetéceme moito a idea de explorar colaboracións cos mozos e novas tendencias, é unha tarefa pendente pero igualmente moi desexada.
-A súa música préstase ao directo para crear intimidade, que sinte ao volver ao escenario despois deste annus horribilis sen concertos?
-Sinto unha gran emoción e alegría, a música é todo para min e o músico, como tal, precisa do directo, da conexión co público... estar no escenario é un momento único.