Xornada de portas abertas no pavillón de Mugardos para promocionar o tiro con arco

La Voz MUGARDOS / LA VOZ

FERROL

cedida

É unha das actividades incluídas nas escolas deportivas municipais, que o Concello organiza en colaboración coa asociación deportiva Arqueiros do Adarve de Carral

24 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A concelleira de Deportes de Mugardos, Begoña Roldós, presentou onte a xornada de portas abertas que terá lugar hoxe sábado de 17.00 a 19.00 horas para a práctica de tiro con arco no pavillón municipal do Cristo, da man da asociación deportiva Arqueiros do Adarve de Carral.

Espérase que veciños mugardeses de todas as idades acodan á cita a practicar este deporte. Desde a concellería animan a grandes e pequenos a participar nesta actividade lúdica e educativa, que ten como obxectivo dar a coñecer un deporte moi completo e diferente, que coa súa práctica axuda a aumentar o autocontrol e a capacidade de concentración, favorece a coordinación entre brazos e ollos, e axuda ao desenvolvento dos reflexos, entre outros moitos beneficios. Por isto e moito máis, é ideal para practicar a calquera idade.

Dende o Concello de Mugardos lembran aos usuarios que o tiro con arco é unha das actividades incluídas nas escolas deportivas municipais, que o Concello organiza en colaboración coa asociación deportiva Arqueiros do Adarve de Carral.