Os 21 presos do nazismo en Ferrolterra; asasinatos cunha inxección de gasolina no corazón

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

FERROL

Carnet de deportado de Juan Casal Chao
Carnet de deportado de Juan Casal Chao Cedida

Case a totalidade estiveron en Mauthausen e á metade matáronos

25 ene 2023 . Actualizado a las 17:52 h.

Algo tan atroz como o nazismo só pode entenderse cun experimento como o seguinte. «Se metes unha rá nunha pota de auga fervendo, a rá brincará e non quererá saber nada; pero se a metes en auga tépeda estará a gusto e cando empece a ferver, cocerase viva», explicaba este luns o historiador Enrique Barrera ante os alumnos de cuarto da ESO no CPI do Feal. As charlas forman parte da semana adicada polo Concello de Narón e a Asociación Memoria Histórica Democrática ás vítimas do Holocausto (o Día Internacional de Conmemoración na súa memoria é este venres). Entre a exposición Galegos en Mauthausen na biblioteca, conferencias e un acendido de candeas no consistorio, preténdese dar resposta á seguinte cuestión: que sabe Ferrolterra do nazismo?

 A conclusión é que «Ferrolterra sabe máis que outras comarcas porque temos esta asociación da que formo parte, pero aínda hai un sesgo ideolóxico pois descoñécese que Franco autorizou a entrada de españois nos campos nazis». O exterminio confírmase con cifras. «España tivo máis de 9.000 vítimas nos campos nazis e mataron a case 6.000, de Galicia foron 350 e mataron a 200», enumera Barrera. E da comarca? «Chegaron 21 presos sobre todo a Mauthausen, salvo un a Ravensbrück, e sobreviviron a metade», indica o historiador. No listado dos dez mortos, chama a atención que a maioría eran asasinados cunha inxección de gasolina no corazón cando estaban desnutridos e xa non podían traballar.

  

O historiador Enrique Barrera nunha charla no CPI O Feal, este luns sobre o Holocausto
O historiador Enrique Barrera nunha charla no CPI O Feal, este luns sobre o Holocausto JOSE PARDO

"O Holocausto non chega de súpeto, un coche non vai de cero a 100 nun segundo: hai un proceso de aceleración», explica Barrera. «Dende 1850 empezouse a diferenciar entre razas superiores e inferiores, falouse da euxenesia e de limitar a expansión de familias non produtivas: primeiro delincuentes ata chegar aos xudeus», indica. Todo desembocou «na esterilización por lei de colectivos, Alemaña tiña medio millón de esterilizados antes da II Guerra Mundial». Chegouse despois «á liña vermella de matar a ciganos, xudeus, homosexuais, opositores políticos». Os de Ferrolterra eran todos republicanos, que estaban en Cataluña cando foi ocupada por Franco ou escaparon coa Armada. Alistáronse cos aliados franceses e acabaron capturados polos nazis. O listado de asasinados inclúe a Manuel Pontes Palmeiro ao que mataron de fame ou Francisco Gómez Iglesias dunha inxección de gasolina.

A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, recorda que «dende 2017 celebramos estes actos e o máis emotivo é o silencio conmovido dos rapaces».

«Marcelino Pardal foi un xogador do Racing que logrou sobrevivir»

Conta Mercedes Taibo, concelleira de Ensino e Bibliotecas, que «pon os pelos de punta ver aos rapaces emocionados cando cada candea acendida representa a un colectivo exterminado» Ese acto celebrarase o venres no concello con escolares do Feal, coa actuación musical de Alejandra Medín e Leire Barbadillo de Sementeira.

O listado dos 21 represaliados é o seguinte: os asasinados foron José Manuel Permuy Pérez, Carlos Romero Rebón, Manuel Villar Piñón, Pastor Ramón García Seoane, Francisco Gómez Iglesias, Manuel Pontes Palmeiro, Luis Rafales Lamarca, Manuel Fernández Olmedo, José Andrés Pena Losada e José Pereira Pérez. Sobreviviron Víctor Manuel Ares Arias, Juan José Casal Chao, Manuel Castiñeiras Díaz, Antonio Cendán Rodríguez, Vicente Criado Gabeiras, Félix López Soto, Marcelino Pardal Pouse, Fernando Bernardo San Martín, Francisco Montero Cotos, Jesús Morgade Feal e Alfonso López Yáñez.

 

Vicente Criado Gabeiras, deportado de Ferrol (San Felipe) que tamén logrou sobrevivir
Vicente Criado Gabeiras, deportado de Ferrol (San Felipe) que tamén logrou sobrevivir

Entre eles estaba o xogador do Racing de Ferrol, Marcelino Pardal, «que formou parte do equipo de España en Mauthausen, axudou aos compañeiros e logrou sobrevivir; moitos obtiñan cartos ou comida porque traballaban baixo corda para nazis e repartían cos demais».

Luis Rafales, Carlos Romero e Pastor Ramón García Seoane «foron enviados dende Mauthausen a morrer nun dos primeiros experimentos con cámara de gas no veciño castelo de Hartheim». Mauthausen tiña crematorios pero non cámaras de gas.