O primeiro certame de Galicia ofrece corenta actividades en tres días
21 abr 2023 . Actualizado a las 23:15 h.No verán de 1936, os libros arderon en Ferrol. Unha das mellores bibliotecas coas que contaba Galicia, a do Centro Obreiro de Cultura, superaba nesas datas os 5.000 volumes. E como recordou este venres o historiador Guillermo Llorca Freire, «boa parte deses libros foron incautados e outros queimados nas prazas de Armas e Amboaxe». O pregoeiro da Feira do Libro de Ferrol, inagurada este venres no Cantón, camiñou pola historia literaria da cidade: desde a primeira imprenta de Lorenzo de Riesgo en 1803 ata o primeiro libro editado, Descripción económica del Reino de Galicia do ilustrado José Lucas Labrada en 1804. E recordou que esta cidade tamén rescatou os libros do lume: «Porque algúns dos libros incautados acabaron en mans de particulares e outros foron recuperados nos fondos da Biblioteca Municipal».
Esta primeira Feira do Libro das que se celebran en Galicia esta primavera ofrecerá 40 actividades ata o domingo, coa participación de 35 escritores. Organizada pola Federación de Libreiros de Galicia, conta coas librarías Pedreira, Cortizas, Central Librera Real, Metrópolis Comics e Estraviz. Tamén participa Edicións Embora no seu 30 aniversario. Segundo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, «todo é posible cando nos poñemos a ler e por iso animo á cidadanía a gozar dos libros, xusto este xoves a Xunta aprobou a posta en marcha do Plan de Impulso ao Libro Galego nunha comunidade que ten a maior ratio de librarías por habitante».
Para o presidente da Federación de Librarías Galegas, Ramón Domínguez, «os libros transforman a todo o mundo e neste ano temos 14 feiras en todo o territorio ao recuperar a de Redondela, co lema de vivir os libros». O homenaxeado deste ano foi ademáis Ismael Cortizas, libreiro que se xubila tras dúas décadas neste sector: «Como di o tango, para min vinte anos non son nada e estas feiras eran unhas vacacións». Ao seu lado, o alcalde, Ángel Mato, destacou a historia literaria da cidade «na que escribiron Concepción Arenal, Torrente Ballester ou Xaime Quintanilla».
Para remontarse á primeira Feira do Libro oficial en Ferrol hai que chegar a 1986, cando Álvaro Espilla da libraría Helios impulsou esta iniciativa. Coincidiu ademais co Mundial de Baloncesto que se celebraba en Ferrol. «Montamos 25 casetas con librarías de toda Galicia e tamén con países participantes no mundial como Israel, Rusia, Uruguai», recorda Espilla. O pregón correu a cargo nada menos que de Torrente Ballester. «E cada día viña un embaixador cun xogador de baloncesto, aos que lles regalábamos Sempre en Galiza de Castelao», indica Álvaro Espilla.
Ata a caseta da Central Librera achegouse o conselleiro de Cultura para comprar o libro da xornalista de La Voz, Beatriz Couce. Tras adquirir La vida en los bolsillos (Editorial Bululú), Román Rodríguez afirmou que tiña a mesiña de noite ocupada por unha pila de libros «para ler todas as noites». Como recordou Guillermo Llorca, atrás quedaron librarías xa desaparecidas «como Delta de Delia Bonome e Joaquín Pérez, Helios ou Quijote, onde mercabas libros prohibidos na trastenda».