O dirixente bota de menos dispor de campos artificiais para o traballo dos cativos
10 ago 2015 . Actualizado a las 10:48 h.Xaime Castro Paz formou parte do primeiro equipo do As Pontes, que preside desde hai 10 anos. «Eu era porteiro, serio, bo baixo paus, saía ben, pero con máis de metro noventa fallaba por alto. Daquela non había adestradores de porteiros. Entrei no xuvenil con 13 anos, e debutei co primeiro equipo en Piñeiros, con 17, sendo adestrador Giraldo. Logo, na seguinte temporada, 1976-77, xa formaba parte do primeiro plantel. Franklin ensinoume moitísimo, sobre todo no xogo aéreo. Pero co paso dos meses empezoume a doer a espalda, fun ó médico e díxome que para seguir xogando tíñame que operar e non me garantizaba nada. Saín de alí chorando e deixei o fútbol. É curioso, pero anos despois volvín a xogar cos amigos, moito tempo, incluso ata veteráns, e nunca me volveu a doer», lembra durante a conversa no Poboado.
-¿Que balance fai dos dez anos?
-A xente que está comigo na directiva traballa moitísimo, fan unha gran labor moi pouco valorada. Creo que o máis positivo que eu aportei foi que cando cheguei o equipo languidecía no medio da Preferente e intentamos que o club volvera a ser importante no fútbol galego, e conseguimos retornar á Terceira, que, en tempos de crise, e sendo un pobo de dez mil habitantes, é o máximo ó que se pode aspirar. Tamén, cando entrei, o As Pontes era un equipo que viña de estar moi arriba anos atrás, e mirábasenos con certo recelo, e agora podo dicir que, grazas á labor de Suso Fernández, somos un club moi querido na zona, e a xente tennos moito cariño. Unha satisfacción persoal foi a creación do equipo feminino, e tamén fixemos os equipos benxamín, prebenxamín e biberón. Por outra parte, recuperamos o filial, e hoxe varios deses rapaces están no primeiro plantel.
-¿Como se mantén o club?
-Estes últimos tempos imos tirando grazas á gran axuda do Concello. Eu son positivo, confío que nos próximos anos a situación económica mellorará, e recuperaremos gran parte deses patrocinadores que antes supoñían a metade do presuposto. Co convenio que firmou o Concello con Endesa, as instalacións pasarán a ser municipais, e agardo que pronto poidamos mellorar a infraestrutura do campo, sobre todo as gradas, e ter un ou dous campos de herba artificial. Antes éramos das canteiras máis potentes da comarca, e agora baixamos un peldaño, entre outras cousas porque o resto dispoñen de campos artificiais para que adestren os nenos, mentres os nosos o fan en campos de terra.
-Tivo moitos adestradores.
-E lévome moi ben con todos, incluso cos que cesei, pero si me tivera que quedar con un, diríalle Manolo García, grandísima persoa, e moi cercano. E confésolle que cando o chamou o Racing, que era o equipo da súa terra, e unha oportunidade única, el tivo as súas dúbidas, porque estaba moi a gusto aquí. Tamén me acordo de Michel, o ex do Somozas, que adestrou aquí sendo moi noviño, e mire a onde chegou.
-E vería moitos futbolistas.
-Dos meus tempos de xogador quédome con Lolo Beceiro, que era un futbolista total, e o dianteiro Zurdo. Cando fun afeccionado, imposible esquecer ós Nando, Ramiro, Kiko Rey ou Arturo, no gran Endesa de Segunda B. Agora que son presidente falaríalle de Chote, porque leva máis de 20 anos no club, estudou unha carreira moi complicada e agora traballa, adestra, xoga, nunca deu un problema. Sempre me gusta poñerllo de exemplo ós máis noviños.
-¿O seu momento máis feliz?
-Retornar a Terceira División en 2010 foi espectacular, pero a miña maior satisfacción foi o ascenso do equipo xuvenil a División de Honra en 2007. Gañarlle a todo un Racing, con rapaces da casa, e subir á categoría na que xogan Real Madrid ou Barcelona foi unha alegría indescritible.
-¿Que agarda nestes dous próximos anos? ¿Volverá a presentarse en 2017?
-Estou convencido de que imos a facer unha boa campaña, sen pasar moitos apuros, e quedaremos na metade da táboa. E coma presidente debería terme ido hai dous anos, pero por diversas circunstancias quedei catro máis. Creo que en 2017, despois de 12 anos, rematarei un ciclo, e poderei descansar e pensar na familia. É un orgullo inmenso presidir este gran club e gustaríame deixalo na Terceira, coas instalacións modernizadas e algún campo de herba artificial xa feito.