Unha fiandeira de Cabanas impulsa un taller artesanal con la de ovella galega

ANA F. CUBA CABANAS / LA VOZ

CABANAS

Bea Carbón, a fiandeira, e Delfín Feal, o pastor, con Rodolfo, un dos carneiros do rabaño que coida en Cabanas
Bea Carbón, a fiandeira, e Delfín Feal, o pastor, con Rodolfo, un dos carneiros do rabaño que coida en Cabanas cesar toimil

Bea Carbón producirá prendas exclusivas con la do rabaño de Delfín Feal, veterinario e pastor en Cabanas 

26 abr 2022 . Actualizado a las 17:51 h.

De tanto oírlle falar da la, a un amigo catalán deulle por chamarlle Señorita Lanas Cabanas. A Bea Carbón (Cabanas, 49 anos), relacións públicas e fiandeira, gustoulle o sobrenome e agora tirou del para denominar o seu novo proxecto, Miss Lanas Cabanas, un taller para elaborar prendas exclusivas e únicas de la 100 % galega, cun apartado de formación sobre o proceso de transformación artesanal da la e outro centrado no carácter terapéutico desta labor. «Este é o ano», pensou Bea, logo de perder o traballo de relacións públicas da empresa Codorniu en Galicia, despois de 25 anos e nove meses, e de incorporarse, hai pouco, a outra firma galega.

De cativa, recorda a unha tía avoa facendo calcetíns. «Pero as que me liaron nisto foron as señoras que querían xuntarse para tomar o café e fiar, e vin que podía sacar algo bo de aí». Así naceu a súa paixón polo fiado, en Cabanas Rural Asociación de Mulleres, que acadou o selo de operadora transformadora autorizada, que outorga a Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega (Asovega). Ela tamén conta con este logotipo, que acredita o uso de la de raza autóctona.

Pero antes da la veñen as ovellas. E aquí entra en xogo Delfín Feal, un veterinario fenés de 52 anos asentado en Cabanas, pastor a tempo parcial. «Hai catro ou cinco anos que teño un rabaño de ovellas galegas [...]. Nunha actividade de Cabanas Rural veu a representante de Asovega e comentou que a ovella galega está en perigo de extinción, non o sabía, e aos dous meses desfacíanse dun rabaño nas Somozas e collino eu, sete femias e un macho, e a base de recría teño trinta femias e dous machos, e vinte años», repasa. «O primeiro obxectivo era romántico, salvar as ovellas do matadoiro e contribuír á recuperación da raza, e despois xurdiu o tema da la, con Bea, e fomos facendo acopio da la de cada ovella, por separado, para poder facer un seguimento e ver cal dá mellor la, cal é máis doada de lavar e de tecer, cal rende máis. Eu achégolle a materia prima e ela define cal é a mellor», explica.

A idea é «facer unha selección xenética e ir criando». De cada ovella obtén entre 850 e 900 gramos de la, e dos machos, 1,2 quilos, e rápanse unha vez ano, na primavera, para que recuperen o abrigo que as protexe do frío cara ao inverno. Delfín lembra como, hai máis de trinta anos, a súa familia empregaba a la para os colchóns. Tamén había quen a entregaba a unha empresa para confeccionar mantas e cobertores. «Agora é moi difícil desfacerse dela, é un problema para o produtor, un residuo», sinala.

Bea está decidida a darlle saída á la das ovellas de Delfín, e, se o taller, que espera poñer en marcha este mesmo ano, medra, tamén doutros criadores de ovella galega. «Vai ser un traballo artesanal, tampouco hai ovellas suficientes para máis, hai unhas catro mil rexistradas. A idea é crear prendas exclusivas e valorar o produto en si, cobralo. Inicialmente, o traballo vouno facer eu, coa la das ovellas de Delfín. As prendas poderán levar unha etiqueta coa trazabilidade completa, para que saibas de onde vén o animal, o feliz que é a súa vida, como foi tratada e escollida a la usada, con todo o proceso feito á man», describe Bea.

«Se procesas miles de quilos, con máquinas, non podes seleccionar, e por iso é habitual que pique, porque non se escolleu ben», remarca. Empregará a súa máquina de fiar de dous pedais e o seu fuso, e despois calcetará gorros e carpíns (calcetíns grosos de la) para as botas de auga, coma os que xa deseñara con Cabanas Rural. «O pé vai encantado, a la absorbe a humidade, deixa transpirar, nunca vai xerar olor... Son características que non teñen outro tipo de fibras, o que explica que as ovellas case non se mollen aínda que chova», apunta.

Delfín é quen de botar media hora observando como se sacoden as súas ovellas, repartidas en fincas de Fene e Cabanas, logo dun chuvasco. Subliña que esta raza distínguese pola rusticidade, «a adaptación ao medio». «Aliméntase de herba, non necesita suplementos, non enferma nunca... As de fóra coxean, teñen problemas dixestivos... iso si, dan años de 23 quilos en tres meses, e os de aquí necesitan oito ou nove meses para chegar a 12, pero a calidade da carne é moito mellor, con menos graxas saturadas, e moito mellor sabor», destaca.

Bea vive con «moitísima ilusión» este proxecto, disposta a «experimentar». «A la máis ruda e máis resistente pódela empregar para facer unha alfombra, e a máis suave, para un vestido ou un gorro, tes que irte adecuando, e pódela aproveitar toda para distintos usos», engade. Quere compartir os seus coñecementos a través desta escola taller. «Cando ves todo o proceso sorpréndete e dáslle máis valor, lavar a la con auga e xabón no río, coma toda a vida, abrila, escarpizala, cardala, fiar, que realmente é sacar o fío suficiente para producir unha prenda, e despois calcetar, ganchillar ou bolillar», enumera.

A súa idea é sacar adiante un negocio, pero tamén reivindicar o propio: «Deseñar e confeccionar produtos únicos e exclusivos e amosarlle ao mundo de onde saen, todo natural, incluso as tinguiduras... Iso que os ingleses souberon facer moi ben, nós tamén podemos facelo en Galicia». Como tótem do proxecto Miss Lanas Cabanas está Rodolfo, un dos carneiros de Delfín, polo que Bea recoñece que sentiu «amor a primeira vista».