Cedeira despediu a Fernando Pardo, Patato, unha das almas do bar O'Xarmolo e un impulsor da música

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

Fernando, coas súas irmás Mari Carmen (esquerda) e Benigna, no 2016, no trinta aniversario do bar
Fernando, coas súas irmás Mari Carmen (esquerda) e Benigna, no 2016, no trinta aniversario do bar JOSÉ PARDO

Montou o local hai 38 anos, coas súas irmás, e foi o socio número un do colectivo Discalz@s

04 oct 2024 . Actualizado a las 16:41 h.

Un día, cando era cativa, á súa sobriña Susana preguntáronlle como se chamaba seu tío. «Pepe», contestou. «E o outro?», insistiron. «Oto Pepe», dixo. Desde aquela, a Fernando Pardo García (Santalla, Cedeira, 1963) quedoulle o nome de Patato. Aquel rapaz nunca pensara ser camareiro, pero alugou un local para montar unha sala de xogos, xurdiron problemas para obter os permisos e acabou abrindo un bar, da man das súas irmás. O'Xarmolo, como foi bautizado polo seu cuñado da Barqueira, abriu o 28 de novembro de 1986, e por alí andou Fernando ata os últimos días, malia a enfermidade.

«Eu axudeille sempre, porque para min meus irmáns pequenos son case meus fillos, O día que abriu, cando cheguei do IES, entrei polo Floreal e vino tan petado de xente que me metín na cociña e non saín ata que cerrou», recordaba Benigna, outra das almas do local ata que se xubilou. O único día que non traballou no Bar de Patato foi o da festa que lle organizaron o 3 de xaneiro de 2015, por mor do seu retiro do servizo de limpeza do IES Punta Candieira, impulsada por Fernando e por varios rapaces, clientes habituais do local. Xusto aquel día naceu a idea de crear a Asociación Cultural Discalz@s polo Festival. «Fernando foi o socio número un e eu o número dous», conta José Antonio Pita, Wallace.

Aquela festa tamén deu pé ao nacemento do grupo Os Benignos. «Fernando era unha das almas do Xarmolo, sempre foi a referencia, iamos alí por el desde que eramos rapaces... e foi un impulsor da música. Era unha persoa moi cercana, un amigo», subliña Wallace. Naquela homenaxe a Benigna, no local que dá á praza do Floreal e á avenida de España, naceu o novo colectivo e con el a idea de organizar un festival, Discalz@s, que se seguiu celebrando e que agora podería recobrar impulso. «Falamos na asociación a raíz da morte de Fernando... foi coma unha especie de catarse por parte dos que quedamos. A súa ausencia ten que ser unha motivación para seguir e darlle un pulo. El foi o impulsor anímico e económico», explica este músico cedeirense.

Unha homenaxe na Semana Santa de 2025

As agrupacións de Cedeira xa lle andan dando voltas á idea de organizar unha homenaxe a Patato na Semana Santa de 2025. «Sería unha especie de réplica da festa de homenaxe a Benigna, porque aí naceron Os Benignos... e toda a xente á que llo comentamos se está animando a participar», adianta. Fernando mantivo o apoio e a paixón pola música ata o final.

No trinta aniversario do Xarmolo tocaron Superser, Tarraxe, Los Eternos, Satan e Coplan, Hosst e Black Rose (o único grupo que non era de Cedeira). Daquela, Patato falaba de Beni e de si mesmo: «É a raíña da cociña e do Xarmolo; se non fora por ela e por miña irmá Carmen, e por Irene, a miña exmuller, o local ía aguantar aberto pouco tempo; o irmán foi moi canfurneiro». Dicía que os primeiros dez ou quince anos foran «unha verdadeira loucura, había moitos cartos na vila, polo mar, e non se andaba no bar». Lembraba, entre risas, que no Xarmolo ata se rodara unha película de vaqueiros. Agora terá que continuar sen el.