Defensores do patrimonio de Bello Piñeiro piden que o Concello se faga coa casa

MUGARDOS

No interior hai murais pintados polo artista na década dos corenta
01 nov 2023 . Actualizado a las 00:48 h.Ante a nova saída á luz dos murais realizados por Bello Piñeiro na súa propia casa, os defensores do seu patrimonio volven a pedir ao Concello de Mugardos que se faga co inmoble. O presidente da Sociedad Cultural Bello Piñeiro e tamén membro da Sociedade Amigos da Paisaxe Galega, Jorge Gómez, recalca que «algúns levamos intentando dende hai anos que alguén se faga responsable da vivenda».
A casa do pintor Bello Piñeiro atópase no lugar de O Seixo, sendo propiedade da Igrexa e está en evidente estado de ruína. En setembro, a Concellería de Urbanismo anunciaba o inicio dun «procedemento contra o Arzobispado de Santiago para que asuma as súas obrigas como titular e adopte as medidas de seguridade». Recorda Jorge Gómez que «dende 1997 con Guillermo Escrigas intentamos facer unha fundación para comprarlle a casa á Igrexa». El mesmo, cando foi edil do PSOE en Mugardos, «intentei que o Concello comprase a casa» pero non se levou a cabo.

A aposta dos defensores é para facer unha casa museo Bello Piñeiro. O propio Jorge Gómez ten o seu arquivo persoal. Di que na vivenda tamén houbo un mural do pintor sobre o castelo de Andrade.