Ses desembarca mañá no Pazo da Cultura para presentar o seu novo disco, «Opoñerse á extinción»
13 ene 2017 . Actualizado a las 10:44 h.Sábado • Pazo da Cultura • 20.00 horas • 12 euros (8,40 para aboados) •
Sempre combativa e irreverente, María Xosé Silvar, Ses, regresa á escena musical con Opoñerse á extinción, o seu cuarto disco. Tras encher o Rosalía de Castro nos concertos de presentación dous días consecutivos, o éxito semella asegurado. En Narón toca este sábado. E xa están vendidas máis de setecentas entradas.
-¿Como se sente unha artista capaz de colgar o cartel de «non hai entradas» dous días consecutivos?
-Pois moi ben porque iso é o único que me importa e o que me fai máis ilusión. Ver que a xente me quere ir ver é o que me move.
-No disco reclama que hai que opoñerse á extinción... ¿Só da lingua galega ou de algo máis?
-Creo que hai que opoñerse a extinción da identidade humana solidaria fronte a unha humanidade que estase a converter nun mundo de seres psicópatas sen empatía para os seus conxéneres. E, tamén, por suposto, opoñerse á extinción da identidade galega, que esmorece xunto coa nosa lingua.
-¿Como podemos evitalo?
-Tería que haber un cambio político, non só autonómico, senón tamén central. E a cidadanía tería que concienciarse de que unha lingua que non falan os nenos é unha lingua que morre. Perder a nosa identidade por autoodio é o mais cateto que hai.
-¿Seica andamos faltos de amor propio os galegos?
-Por suposto. E iso é así porque nolo inculcaron a través dunha educación baseada nunha asociación entre a incultura e o galego. Paréceme algo absurdo, porque hoxe en día gran parte dos galegofalantes son persoas tituladas e con carreira. Falar en galego segue sendo sinónimo de menos nivel cultural e iso é ridículo. Non ten razón de ser.
-Aínda que segue sendo moi guerrilleira, este disco semella máis alegre có anterior.
-Iso é porque no disco hai cancións de diferentes etapas e tamén porque quizais no anterior traballo estaba moi enfadada. Foi unha época cun bombardeo incesante de noticias inxustas e atroces e por iso tal vez saíume un disco cun ton máis agresivo. Agora, aínda que sego a ser moi crítica, tiña gañas de facer un traballo cun aire máis fresco, máis alegre. É un furacán, pero un furacán de ledicia porque penso que é algo que precisamos. Entre todos podemos facer unha sociedade máis feliz.
-¿De que maneira?
-O que está impedindo isto é unha xestión pésima dos recursos. Una xestión delincuente. Aquí se permite roubar a quen lle dea a ganar sempre que estea en determinadas filas políticas... E a ti, en cambio, por non ser un Undargarín, por saír á rúa e queimar unha bandeira te menten dez anos de cárcere.
-¿A xuventude de hoxe en día é máis conformista?
-Penso que o aparello mediático de propaganda política é hoxe tres mil veces mais potente que hai cincuenta anos. A televisión, internet e os móbiles están en todas partes e son xeradores de opinión. A xente vive na cripta da televisión e do móbil e fala pouco cos demais. ¡A xente bícase por wasap! Lese pouquísimo e os plans de estudo son moi precarios. Eu teño unha irmá de 17 anos e vexo os seus libros e non teñen nada que ver cos que tiña eu á súa idade. Cunha educación precaria están creando unha humanidade precaria. Deberían investir máis en educación e menos en soldos vitalicios.
-¿Que escoita Ses na casa?
-De todo e sobre todo moito. Escoito moito folclore, desde o norteamericano ao sudamericano, pero sobre todo galego. Gústame moito o rock, o punk, os sons duros... Pero sento devoción pola música tradicional galega, porque é o que levo dentro.
-¿Por que non lle gusta que lle chamen cantante?
-Porque non canto o suficientemente ben como para iso. Prefiro cantora o cantareira. No meu caso o importante é o sentimento. Canto só o que penso e o que sinto.