A parroquia de Doso, en Narón, reviviu a esfolla do millo

LA VOZ NARÓN

NARÓN

JOSE PARDO

A Asociación de Veciños A Naveira leva anos transmitíndolles a tradición ás novas xeracións, con apoio do Concello 

13 nov 2022 . Actualizado a las 17:21 h.

A recreación da esfolla do millo volveu ser unha festa, onte na parroquia de Doso, en Narón. A Asociación de Veciños A Naveira leva anos transmitíndolles esta tradición ás novas xeracións, da man do Concello, a través do Padroado da Cultura. As actividades comezaron ás cinco da tarde. Os carros cargados de mazarocas de millo cedidas polos veciños partiron do rueiro da Braña para dirixirse ata a pista polideportiva, rodeados de xente vestida con roupas típicas do rural do século pasado. Alí foron recibidos coa música dos grupos das Escolas do Padroado da Cultura.

Durante o resto da xornada houbo actividades dirixidas a persoas de todas as idades, con obradoiros de elaboración de bonecos de millo para os máis pequenos, e bolas de tixola. Na pista estiveron expostos os bonecos de millo creados polos escolares nun obradoiro impulsado polo Padroado. A esfolla comezou arredor das seis da tarde, con varios participantes, algúns tamén anotados no terceiro campionato de debagado de millo.

E como ocorre en toda festa, non puido faltar o apartado gastronómico. A programación incluía un concurso de sobremesas, con doces elaborados con produtos de temporada e aberto a todos. Un xurado popular avaliou as diferentes propostas e concedeu os premios. A música volveu soar, esta vez co grupo Os do fondo da barra, que tiñan previsto interpretar un repertorio variado. O tempo acompañou e permitiu desenvolver a festa nun ambiente moi bo.